Wednesday 02 de April de 2025

Oleiros preserva nos seus núcleos compactos o uso comercial dos baixos


Boa parte dos baixos de Oleiros situados nas zonas máis densamente poboadas resérvanse para a súa utilización comercial ou empresarial, de tal xeito que se manteña mestura económica e residencial propia dos espazos urbanos e o municipio manteña o equilibrio entre esas dúas principais funcións das que se compón o hábitat.

O Concello fixo pública a zona na que é posible converter os espazos comerciais en residenciais, cousa que é posible en calquera lugar do municipio menos en ámbitos moi urbanizados, onde se estima que se pode xerar actividade económica. Para iso resérvanse os zócalos urbanos que xa orixinariamente foron construídos con esa vocación de albergar tendas ou comercios.

Garantir o acceso a servizos e ben esenciais por parte da poboación, a preservación da estrutura urbana e a xeración de emprego no territorio aconsellaron tomar esta decisión perseguindo a necesidade de equilibrar o uso residencial coa conservación do comercio ou as actividades profesionais.

Preservar esas zonas da reconversión, no actual contexto turístico e da vivenda en xeral, podería deixar amplas áreas do municipio sen acceso a servizos comerciais básicos ou sometidas a unha forte presión, xa que en moitos casos a xeneralización da actividade residencial podería incrementar significativamente os prezos dos locais facendo inviable a súa explotación comercial e creando novas tensións.

“Un urbanismo equilibrado e sostible —di o informe municipal que sirve de base á decisión adoptada— require medidas que garantan un acceso digno á vivenda sen comprometer a actividade comercial, asegurando que as zonas urbanas sigan sendo espazos habitables, vivos e economicamente resilientes”.

Este decreto, publicado no web municipal, especifica todas as áreas reservadas que non poden ser completamente residenciais, en Mera, Oleiros, Perillo, Santa Cruz, Rialta e todo o eixo económico conformado pola antiga N6, destinado xa desde hai décadas ao comercio de escaparate aproveitando a importancia da Avenida das Mariñas como eixo viario metropolitano de primeira magnitude.

Esta medida é complementaria á prohibición das chamadas “vivendas turísticas” en todo o territorio municipal, medida que se tomou igualmente en defensa da cohesión social de pobos e urbanizacións, preservando a súa condición de hábitat residencial, deixando as pernoctacións efémeras na órbita de hoteis e establecementos semellantes.

O modelo urbano tradicional galego de profundo enraizamento coa natureza foi unha das preguntas recentemente apoiadas pola maioría da cidadanía na enquisa do pasado mes de febreiro. O 85% das 2.994 respostas sobre esta cuestión apoiaban o urbanismo do Concello.

CONSULTAR PLANOS: https://www.oleiros.org/concelleria-de-interior-y-seguridad-ciudadana-econom%C3%ADa-y-hacienda-urbanismo/urbanismo/tramites-de-informacion-publica/-/asset_publisher/NsMw1gnrjyqu/content/delimitaci%25C3%25B3n-de-%25C3%25A1reas-comerciais-protexidas?_com_liferay_asset_publisher_web_portlet_AssetPublisherPortlet_INSTANCE_NsMw1gnrjyqu_assetEntryId=1706123&_com_liferay_asset_publisher_web_portlet_AssetPublisherPortlet_INSTANCE_NsMw1gnrjyqu_redirect=https%3A%2F%2Fwww.oleiros.org%2Fconcelleria-de-interior-y-seguridad-ciudadana-econom%25C3%25ADa-y-hacienda-urbanismo%2Furbanismo%2Ftramites-de-informacion-publica%3Fp_p_id%3Dcom_liferay_asset_publisher_web_portlet_AssetPublisherPortlet_INSTANCE_NsMw1gnrjyqu%26p_p_lifecycle%3D0%26p_p_state%3Dnormal%26p_p_mode%3Dview%26_com_liferay_asset_publisher_web_portlet_AssetPublisherPortlet_INSTANCE_NsMw1gnrjyqu_cur%3D0%26p_r_p_resetCur%3Dfalse%26_com_liferay_asset_publisher_web_portlet_AssetPublisherPortlet_INSTANCE_NsMw1gnrjyqu_assetEntryId%3D1706123

Deja un comentario