Wednesday 02 de April de 2025

O Concello fai un chamamento á participación na manifestación de SOS Sanidade Pública deste domingo e rexeita a “megacelulosa” proxectada por ALTRI en Palas de Rei


Acordos do pleno ordinario

San Sadurniño celebrou pleno ordinario no serán do xoves pasado. Foi unha sesión que tiña a orde do día capitalizada por tres mocións presentadas polo grupo de goberno: unha de rexeitamento do proxecto de Altri en Palas de Rei, outra sobre o xeito en que a Xunta pretende repartir máis de 100 millóns de euros dos fondos da Transición Xusta e unha terceira centrada na manifestación convocada para este domingo en Santiago pola plataforma SOS Sanidade Pública. Unha mobilización que demandará, de novo, máis recursos para atención primaria e hospitalaria, ademais de esixir o incremento do orzamento sanitario público. A moción, aprobada cos votos favorables de BNG e do representante do PSOE -o PP abstívose-, tamén incluía a encomenda de que o consistorio faga un chamamento á participación masiva na protesta, que partirá ás 12:00h desde a Alameda compostelá. Outra das propostas nacionalistas que xerou debate abondo foi a do rexeitamento do proxecto de macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, que acaba de obter autorización ambiental por parte da Xunta.

A sesión plenaria arrancou puntual, ás 19:30h, coa presenza das dúas concelleiras e os dous concelleiros da oposición e cinco dos sete membros do grupo de goberno -escusaron a súa ausencia Mari Carme Muíño e Manolo Varela-, de maneira que o labor da portavocía do Executivo local o asumiu a terceira tenente da alcaldía, Raquel Piñeiro López.

A concelleira, que se estreou na política municipal neste mandato, xa intervira nalgún pleno anterior para puntualizar cuestións das súas áreas -Axenda 2030 e Participación veciñal-, pero foi o xoves pasado cando se encargou por primeira vez da explicación das propostas e de levar o peso das réplicas e contrarréplicas propias do seu debate. Piñeiro desempeñou con soltura ambos cometidos, detallando o contido de todos os puntos para deliberación e acordo e defendendo con claridade -e tamén con moita intensidade- as iniciativas para as que o BNG tentou acadar o máximo consenso.

Aínda que na orde do día do pleno figuraban en primeiro lugar as tres mocións rexistradas polo grupo nacionalista, o alcalde precisou ao empezo que se tratara dun erro e, nese sentido, acordouse variar a correlación de temas para poñer no primeiro lugar a votación dunha proposta centrada no cambio nas partidas do POS Social e tamén outra coa que se refrendou a solicitude das axudas do IDAE para renovar as iluminacións públicas.

Estes dous asuntos foron aprobados cos votos favorables do PP e do concelleiro socialista e, despois si, entrouse no apartado das mocións rexistradas polo BNG. A primeira delas foi a da Sanidade pública, que incorporaba tres reivindicacións: centros de saúde e PAC’s con mellor dotación humana e de equipamento -ademais de consultas presenciais-; aproveitar os recursos hospitalarios -incluída a exclusividade do persoal médico-, recuperar os hospitais comarcais dos recortes aos que foron sometidos e acabar coa concertación privada, co obxectivo en todo caso de ofrecer unha atención de calidade e baixar as listas de agarda. Por último, o listado de demandas tamén insistía no incremento do orzamento sanitario e na elaboración dun Plan de Saúde Galego que adapte os recursos ás necesidades.

Trala exposición -que xerou debate abondo- voutouse o apoio ás reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública e tamén o compromiso de darlle difusión á manifestación que percorrerá as rúas de Compostela este domingo ás 12:00h, así como facer un chamamento ao conxunto da veciñanza para que se sume á mobilización. A moción saiu adiante co voto favorable de BNG e do edil socialista do Grupo Mixto. O PP optou pola abstención.

Fondos da Transición Xusta e oposición á “megacelulosa” de Altri
A segunda das mocións nacionalistas abordou o sistema de reparto dos fondos europeos da Transición Xusta que administra a Xunta de Galicia -máis de 100 millóns de euros- e que se van canalizar a través de distintas liñas de axuda da Consellaría de Industria -principalmente do IGAPE e do INEGA- e, en menor medida, da Consellaría de Emprego.

Segundo denuncia o BNG, as axudas da Consellería de Industria non estarían primando que os cartos beneficien aos 19 concellos de Transición Xusta que se establecen nos protocolos das zonas de descarbonización de Meirama e As Pontes. Por outra banda, no caso das axudas de Emprego, o Bloque asegura que case 7 millóns de euros de formación irían parar a “actuacións unilaterais, non informadas nin consensuadas, e sen convocatoria pública, e deixando fóra a formación regrada nos concellos afectados”.

A proposta de acordo do BNG -apoiada tamén polo PSOE- demanda que a Xunta paralice as convocatorias que non estean aínda resoltas e con adxudicacións en firme. Tamén esixe que os fondos se enfoquen nas zonas de transición afectadas polo peche das térmicas galegas, é dicir, 19 municipios da Coruña e Lugo, entre eles San Sadurniño. En terceiro lugar, o Concello expresa o seu compromiso de iniciar os procedementos legais necesarios no caso de que a Xunta non atenda estas peticións antes do 4 de maio deste ano, data na que remata o primeiro prazo de solicitude de todas as convocatorias abertas con cargo aos Fondos de Transición Xusta.

En relación co destino de fondos europeos, no pleno aínda se debateu unha terceira moción, centrada non tanto no seu destino -que tamén- senón nas súas repercusións sociais e ambientais. E é que como último punto do apartado das mocións o BNG rexistrou a que buscaba expresar o rexeitamento plenario ao proxecto de Altri en Palas de Rei, que opta ao financiamento europeo Next Generation.

Nunha operación de greenwashing e de adecuación ao obxecto dos fondos europeos, o proxecto vendeuse inicialmente como industria verde para a produción de fibras téxtis, aínda que andando o tempo foise sabendo que o das fibras sería unha produción testemuñal e que, en realidade, o que se pretende construír é unha macrocelulosa dedicada nun 70% a pasta soluble.

O proxecto da empresa portuguesa ocuparía 366 hectáreas no corazón da comarca gandeira da Ulloa e vertería ao Ulla “30.000 metros cúbicos diarios de auga contaminada”, co que iso podería supoñer para a biodiversidade do río e da ría de Arousa, incluídos bancos marisqueiros. Ademais, segundo o BNG, a instalación da pasteira tamén comprometería o sector agrogandeiro e seguiría incrementando a dependencia de Galicia do monocultivo do eucalipto.

A Xunta acaba de concederlle a autorización de impacto ambiental “consumando así unha traición a Galicia sen precedentes” e, denuncia a moción, “poñendo por diante dos intereses da sociedade galega os intereses dunha empresa portuguesa da que, ademais, é socia a exconselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato”. Por estes motivos, o texto condena a actuación da Xunta e expresa a oposición da corporación á “megacelulosa contaminante de Altri, dado que perpetúa un modelo de dependencia e explotación, fomenta a expansión da plantación de eucalipto e ocasionaría repercusións negativas para todo o país”. Nun dos puntos -modificado por petición do edil socialista- ínstase ao Estado a que a liberación dos fondos europeos se supedite a unha revisión minuciosa sobre o cumprimento da normativa ambiental e a viabilidade do proxecto.

A moción foi aprobada polo BNG e o PSOE, mentres que o PP se posicionou na abstención sinalando que non coñecía os aspectos técnicos da avaliación ambiental favorable emitida pola Xunta. Un argumento que foi aproveitado polo Bloque para recordar que os informes autonómicos que sosteñen a autorización non se fixeron públicos polo momento.

Rogos e preguntas
Ao tratarse dun pleno ordinario, a sesión tamén incluiu apartado de rogos e preguntas. Rogos houbo dous, ambos presentados polo edil popular José Luis Hermida Prieto. O concelleiro pediu que nas mañás do verán en que haxa cursos de natación tamén se poida utilizar unha parte da piscina para o nado libre.

Hermida Prieto solicitou, por outra banda, que se lle dedique ao mestre Manolo Seco -distinguido este ano nas Medallas ao Mérito Deportivo de Galicia- “unha homenaxe ou o nome dalgún espazo público”. Unha proposta que foi ben acollida polo alcalde, quen cualificou a Seco como “merecedor de que se lle recoñeza o seu labor”. Secundino García apuntou que calquera homenaxe que se lle renda “debe facerse por consenso” e suxeriu como idea darlle o seu nome ao torneo municipal de voleibol, deporte do que el foi principal promotor, primeiro na escola e logo no Aldebarán.

O concelleiro popular tamén se interesou na quenda de preguntas pola data prevista para o inicio das obras de reparación do vaso da piscina municipal. O alcalde precisou que os traballos aínda non comezaran, pero tranquilizou a Hermida asegurándolle que estarían rematados para o comezo da temporada estival.

Tras un intercambio de pareceres entre o concelleiro do PP e o alcalde a conto do asunto dos eucaliptos xa debatido durante a moción de rexeitamento de Altri, foi o representante socialista, Juan Alberto Rivera, quen tomou a palabra para preguntar pola decisión da Xunta de declarar todo San Sadurniño como Zona Vulnerable por Nitratos. Unha declaración que, de ir adiante, restrinxirá o uso de fertilizantes e controlará as prácticas agrarias para evitar a contaminación dos acuíferos.

Segundo o alcalde, todo apunta a que a declaración obedece aos altos niveis de nitratos rexistrados no encoro das Forcadas, en Valdoviño, onde desemboca o rego da Bañoca. “Se é así -apuntou o alcalde- non ten sentido que inclúan todo o concello, que está nas bacías do Xubia e do Castro”.

García Casal explicou que o consistorio aínda non recibira os datos solicitados á Xunta sobre os resultados das analíticas e pediu que o goberno autonómico “actúe con transparencia” nesta cuestión e que se investiguen outros factores, habida conta de que podería estarse culpabilizando da contaminación á actividade agrogandeira, sen ter en conta que as plantacións forestais tamén fertilizan con abonos nitroxenados de liberación lenta.

O alcalde avanzou, por último, que o Concello encargara as súas propias análises sobre o nivel de nitratos tomando mostras nos límites municipais inferiores do Castro, do Xubia e do rego da Bañoca. Os resultados coñeceranse estes días.

Deja un comentario