Wednesday 02 de April de 2025

A Xunta licita por  1,7M€ a rehabilitación integral do Instituto Manuel Murguía e o cambio de cuberta do Colexio Ponte dos Brozos de Arteixo


— No instituto mudaranse cubertas, fiestras, portas, iluminación e illaranse as fachadas, mentres que no colexio uniformarase a cubrición e os lucernarios

— Súmanse á ampliación do IES A Pastoriza, xa en execución, e elevan a case 4M€ o investimento da Xunta neste concello co Plan de nova arquitectura pedagóxica

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de licitar, por un importe total de 1,7M€, a rehabilitación integral do Instituto IES Manuel Murguía e do Colexio CEIP Ponte dos Brozos, ambos en Arteixo, tal e como comprometeu recentemente o conselleiro, Román Rodríguez, nunha visita ao concello. Estas actuacións súmanse á ampliación do IES A Pastoriza, xa en execución por máis de 2,1M€, e elevan a case 4M€ o investimento da Xunta neste concello co Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para impulsar a modernización dos centros educativos galegos, incrementar a súa eficiencia enerxética e mellorar o benestar diario da comunidade educativa.
Cun orzamento de 1,3M€ a rehabilitación integral do IES Manuel Murguía inclúe actuacións sobre o edificio principal, o de ximnasio e o aulario de Bacharelato. En todos eles substituiranse as cubertas actuais por panel sándwich de chapa de aceiro galvanizado con recheo de escuma de poliuretano, colocando 1895 m² de nova cubrición, e aplicarase illamento térmico nos 2523 m² de fachadas mediante a colocación de sistema SATE Capatect Economy Carbon.
Ademais, mudaranse 122 fiestras e 17 portas, colocando unhas novas de aluminio, sen reixas, con rotura de ponte térmica con vidros dobres tipo Climalit. Instalarase tamén iluminación de tipo LED, equipos de regulación e equipos de detección de movemento na totalidade dos tres edificios.
A maiores, no edificio principal colocaranse falsos teitos rexistrables e acometeranse tarefas de limpeza de pintado de paramentos e de limpeza do sistema de saneamento de pluviais.
Cubrición uniforme
A obra no CEIP Ponte dos Brozos consistirá no cambio de 2.452m² de cuberta e conta cun orzamento de case 400.000€. Neste momento o centro conta con, polo menos, catro tipo de cubrición diferentes, que responden ás diversas intervencións na cuberta ao longo do tempo. A intervención permitirá uniformalos, de tal forma que a nova cuberta sexa de paneis sándwich chapa de aceiro galvanizado de perfil nervado de 50 mm de espesor total, con recheo intermedio de escuma de poliuretano.
Ademais, cegaranse parte dos lucernarios actuais, abrindo novos ocos de iluminación e ventilación natural na fachada do ximnasio. Nos brazos leste e sur do edificio, substituirase o lucernario de policarbonato a dúas augas que iluminan os corredores por outros abovedados de policarbonato. A lanterna central do edificio, de forma piramidal sobre a escaleira, tamén se mudará por un lucernario destas características.

Está previsto, así mesmo, substituír as cubertas metálicas e esmaltar a estrutura portante das marquesiñas , tanto da que cubre a zona de acceso da entrada principal, como as marquesiñas situadas entre os brazos oeste e sur.

O prazo de execución das actuacións unha se vez se adxudiquen e se formalicen os contratos, é de nove e tres meses e medio, respectivamente.

Deja un comentario