Wednesday 02 de April de 2025

O Concello de Boqueixón destina máis de 1,8 millóns de euros para mellorar o servizo de axuda no fogar no municipio


A nova empresa empeza a traballar neste mes de abril

A nova empresa encargada de prestar o Servizo de Axuda no Fogar en Boqueixón comeza a traballar neste mes de abril. O Concello vén de incrementar ata os 1.837.389 euros a inversión na mellora deste servizo. Uns cartos que financiarán o SAF boqueixonés durante os próximos 24 meses, de abril de 2025 a marzo de 2027.

O novo contrato inclúe melloras tanto para as persoas coidadoras, que vén incrementado o prezo por hora traballada e mellores condicións de traballo, como para as persoas que son atendidas no seu domicilio. “A pesar de que supón un gasto moi importante para o Concello, de máis de 670.000 euros este mesmo ano, e que non é unha competencia municipal, non podemos esquecer que o SAF ten como principal obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, favorecer a súa autonomía, posibilitar a súa permanencia nas súas casas e previr situacións de exclusión social, polo que o esforzo paga a pena”, apunta o alcalde, Ovidio Rodeiro.

Neste sentido, o alcalde lembra “a aposta decidida deste equipo de Goberno polas actividades de conciliación, tanto para os pais e nais do alumnado en idade escolar como para os coidadores e coidadoras dos nosos maiores”. Así, explica que o novo contrato recolle as peticións realizadas polas traballadoras que prestan este servizo, cun prezo mínimo de 24 euros/hora.

Deja un comentario