Wednesday 02 de April de 2025

A XXXIV Mostra de Teatro Escolar da Coruña reunirá a 25 grupos escénicos de 16 centros educativos da cidade


As representacións celebraranse entre o 7 de abril e o 13 de maio e culminarán cunha gala de entrega de premios o 6 de xuño no Fórum Metropolitano

O Concello da Coruña impulsa un ano máis a Mostra de Teatro Escolar, que este curso alcanza a súa trixésimo cuarta edición e que se desenvolverá entre o luns 7 de abril e o martes 13 de maio en distintos centros educativos da cidade. A iniciativa reunirá un total de 25 grupos teatrais pertencentes a 16 colexios e institutos da cidade, distrbuídos en tres categorías educativas: educación infantil (2 grupos), educación primaria (17 grupos) e educación secundaria e bacharelato (6 grupos).

A Mostra enmárcase nas políticas educativas e culturais promovidas polo Goberno de Inés Rey, que aposta por unha educación pública de calidade e por iniciativas que impulsen a creatividade e o desenvolvemento integral do alumnado. Esta edición consolida unha liña de traballo que entende a cultura como ferramenta de aprendizaxe e convivencia.
As actuacións terán lugar tanto en horario de mañá como de tarde e consistirán en representacións entre centros, permitindo ao alumnado compartir experiencias e coñecementos escénicos coa comunidade educativa da cidade.

Para garantir unha avaliación rigorosa e equitativa, todas as actuacións serán gravadas e valoradas por un xurado composto polos recoñecidos actores e directores teatrais Ramiro Neira e José Leis, así como por Ana Judel, técnica municipal de Educación. O xurado manterá os mesmos criterios de valoración que nas anteriores edicións, tendo en conta aspectos como:
● A orixinalidade ou adaptación do texto representado
● A dramatización da obra
● A corrección e fluidez na expresión
● O vestiario e maquillaxe
● A escenografía e iluminación

Na categoría de premios, o Concello da Coruña recoñecerá con un cheque de 100 euros aos grupos gañadores de cada categoría (infantil, primaria e secundaria). Ademais, outorgaranse mencións especiais sen dotación económica aos seguintes aspectos destacados:
● Mellor escenografía e iluminación
● Mellor vestirario e maquillaxe
● Mellor texto orixinal ou adaptado

O concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, puxo en valor o esforzo realizado polos centros participantes: “Cada grupo representa o entusiasmo, o traballo en equipo e o talento das nosas aulas. O teatro é unha ferramenta pedagóxica extraordinaria que contribúe á formación emocional, social e comunicativa do alumnado”, dixo.

A gala de entrega de premios terá lugar o venres 6 de xuño, ás 17:00 horas, no Fórum Metropolitano. Durante o acto representaranse as obras dos grupos gañadores de cada categoría, nunha celebración da creatividade, o talento e o traballo colaborativo do alumnado coruñés.

A Mostra de Teatro Escolar é unha das actividades educativas máis consolidadas do calendario escolar coruñés, promovendo valores como a expresión artística, o traballo en equipo, a empatía e a capacidade comunicativa entre o alumnado desde idades temperás.

Nesta edición participan 16 centros educativos da cidade: a Escola Infantil Municipal Luis Seoane, o CEIP Concepción Arenal, o CEIP Sal Lence, o CEIP Rosalía de Castro, o CEIP San Francisco Javier, o CEIP Víctor López Seoane, o CEIP Cidade Vella, o CEIP María Pita, o CEIP Ramón Otero Pedrayo, o CEIP Raquel Camacho, o CEIP Emilia Pardo Bazán, o IES Rafael Dieste, o IES Agra do Orzán, o IES Adormideras, o Colexio Santo Domingo e o Colexio Esclavas. Estes centros conforman un total de 25 grupos teatrais repartidos entre as diferentes niveis de ensino, que reflicten o compromiso da comunidade educativa coruñesa coa creatividade, a expresión artística e a convivencia escolar.
Máis información dispoñible en: coruna.gal/educacion/mostra/de/teatro

Deja un comentario