Friday 22 de November de 2024

A ITV agrícola estará o 17 de marzo en Santa Mariña do Monte e os días 31 e 1 de abril en Igrexafeita


A estación móbil da Inspección Técnica de Vehículos volverá a San Sadurniño nos próximos días “pasarlle a revisión” aos tractores e outra maquinaria agrícola. Este ano hai unha novidade, e é que en vez de situarse no Camiño Arriba, como viña sendo habitual, a ITV trasládase a Santa Mariña do Monte. Alí estará o día 17 de marzo durante toda a xornada. Onde si repite é en Igrexafeita. A estación estará instalada na pista polideportiva da parroquia o día 31 de marzo pola mañá e pola tarde e o 1 de abril só pola mañá.A vez para pasarlle a inspección técnica obrigatoria aos nosos tractores, remolques e outra maquinaria agrícola pode pedirse a través do teléfono 902 309 000 ou na web www.sycitv.com. Outra posibilidade é solicitar cita no lugar desde o primeiro día de chegada da estación sempre que haxa ocos libres.

Cómpre lembrar que os tractores agrícolas, maquinaria agrícola autopropulsada, remolques agrícolas e outros vehículos agrícolas especiais, excepto motocultores e máquinas equiparadas teñen que pasar a revisión a partir dos 8 anos. Dos 8 aos 16 a inspección será cada dous anos e de 16 anos en diante a itv é obrigatoria todos os anos.

En Santa Mariña do Monte a ITV instalarase no aparcadoiro que hai ao pé da igrexa parroquial, en Moimentos. Atenderá o 17 de marzo entre as 9 e as 13.30h. e desde as 15.15 ata as 18.00h.

A Igrexafeita a estación móbil chegará o 31 de marzo e situarase na pista polideportiva da Torre. Ese día revisará maquinaria entre as 9 e as 13.30h. e de 15.15 a 18.00h. Ao día seguinte, 1 de abril, a ITV só atenderá pola mañá.

A vez pode pedirse chamando ao 902 309 000, a través da web www.sycitv.com ou no propio lugar se é que teñen algún momento dispoñible. Segundo informan nun comunicado de SyC -a empresa que xestiona as itv- a admisión de vehículos con características particulares estará condicionada á posibilidade de realizar as operacións de inspección regulamentarias.

Pola vosa seguridade e a das demais persoa
A revisión é unha especie de purgatorio polo que ninguén quere pasar nin tampouco pagar, pero non está de máis ter en conta que tamén é o lugar onde poden detectar calquera problema grave que lle afecte á seguridade.

Un tractor que non frea ben, coas rodas lampas ou coa dirección frouxa é un perigo para quen guía pero tamén para outros vehículos e persoas que circulan pola vía. En Galicia uns anos con outros morren entre 5 e 10 persoas facendo traballos agrarios. Grande parte das vítimas son maiores de 65 anos e algunhas delas aparecen debaixo do tractor, ben por un exceso de confianza ou ben por non ter a máquina en condicións.