Wednesday 02 de April de 2025

Antón Pombo presenta a primeira guía do Camiño da Ría de Muros Noia, “un camiño curto, amable, pola beira do mar e que é un espectáculo para desfrutar”


O presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia salienta que “contén referencias moi útiles e vaise converter nunha ferramenta imprescindible para os que percorran este trazado”

O director da Fundación da Catedral puxo en valor que esta ruta inclúe “etapas non demasiado extensas e permite camiñar, pararse, contemplar, meditar e interiorizar”, “un camiño doado de facer e que dá gusto desfrutalo”

Un Camiño curto, accesible a todas as persoas e cuns atractivos paisaxísticos, históricos e culturais para desfrutar. Así é o Camiño da Ría de Muros Noia recollido na guía titulada “El Camino de Santiago de la Ría de Muros Noia”, presentada esta mañá na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela polo presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Santiago Freire; o director da Fundación da Catedral, Daniel Lorenzo; e o autor, Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos nos Camiños de Santiago.

De feito, Freire Abeijón salientou que Antón Pombo “ten un coñecemento moi profundo non so do Camiño da Ría de Muros Noia, senón de todos os Camiños, polo que sabe os atractivos que buscan os peregrinos. E nesta guía hai referencias moi útiles, polo que estou convencido de que se vai converter nunha referencia imprescindible para os peregrinos que fagan este trazado”.

Santiago Freire aproveitou tamén para agradecer o apoio dos sete concellos que forman parte da asociación (Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela), así como do Arcebispado de Santiago, representado hoxe polo director da Fundación Catedral; e do tecido empresarial e asociativo da Ría da Estrela, moitos deles representado na presentación desta mañá. Tamén puxo en valor o traballo da anterior presidenta da Asociación, Teresa Villaverde, “polo impulso e o traballo realizado diante das distintas entidades e administracións para que isto sexa unha realidade”.

Guía e camiño para camiñar e contemplar

Pola súa banda, Daniel Lorenzo destacou que esta guía “está moi ben traballada. Con etapas non demasiado extensas e que permiten camiñar, pararse, contemplar, meditar, interiorizar. Ás veces, o que nos sorprende de moitos peregrinos é que inician a peregrinación moi cedo pola mañá, case de noite, e chegan o antes que poden ao final de etapa. E despois non saben que facer… e perderon a posibilidade de deterse, visitar e entrar en contacto coa pegada de outros, cos monumentos histórico e artístico”.

Unha realidade que contrapuxo ao Camiño da Ría de Muros Noia, onde a guía presentada hoxe aposta por que o peregrino desfrute “da calidade dos espazos, das paisaxes, das posibilidades que ten para o peregrino. Un camiño que é doado de facer e que dá gusto desfrutalo”. Ademais, fixo fincapé en que este Camiño “para quen ten dificultade para camiñar treitos longos é o mellor”.

Un espectáculo para desfrutar

Un punto no que coincidiu Antón Pombo, para quen o Camiño da Ría de Muros Noia é “un camiño amable, curto, co engadido de 15 quilómetros desde Porto do Son de praia en praia, calas agarimosas, zonas onde non hai ninguén e podes sentar e ver en fronte o monte Louro e ao lonxe o cabo Fisterra. É un espectáculo, un camiño para desfrutar”.

Sobre “El Camino de Santiago de la Ría de Muros Noia”, a primeira guía sobre esta ruta xacobea e que foi editada pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia co apoio do GALP Costa Sostible, Pombo asegura que “é unha guía moi lixeira, para ir facendo anotacións. É unha guía de autor. Sentinme libre para facela e non hai ningún tipo de premisa ou obriga de quedar ben con ninguén. Definíronse unhas etapas dende o punto de vista da lóxica peregrina”.

Neste sentido, fixo fincapé en que “para escribir do Camiño hai que facer o Camiño porque se un non é peregrino falaría como podería falar a Intelixencia Artificial. E salvo que vaia en dron, fale coa xente, intercambie experiencias… é un pouco difícil. Se estás no Camiño tes unhas experiencias e tes unha perspectiva territorial moi diversa do que necesita un peregrino. Un peregrino non precisa de toneladas de datos sobre momentos e historias… iso está na Internet. Necesita coñecer a etapa de cada día: distancias, dificultade, se hai fontes, áreas de lecer, bares, supermercados, tendas, lugares para durmir, canto custan para adaptarse ao peto de cadaquén… cousas básicas que os que facemos o camiño sabemos. Por iso, desconfíen dos que escriben do Camiño sentados na súa casa. Eses non poden falar do Camiño. Para falar da feira, hai que ir a ela”.

Coincidindo co atractivo destacado polo director da Fundación da Catedral, Antón Pombo indicou que “é un camiño curto pero tamén ideal para quen comeza e non ten moito tempo. Cada vez a xente vai co cronómetro na man, facendo etapas de 30 ou 40 km porque se lles vai o avión… así, en vez de desfrutar do Camiño o que estás facendo e sufrir o camiño. Eses que mencionou Daniel. Son visións absurdas do Camiño e temos que facer pedagoxía para que a xente se decate de que o Camiño non é unha obriga, hai que plantexalo como un espazo para desfrutar, para pensar, para o crecemento persoal, é un camiño sagrado, relixioso… senon sería unha ruta de sendeirismo”.

Unha pedagoxía recollida na súa guía na que “hai consellos e incluso algunha irreverencia con respecto á traza, porque creo que a historia non se detén en ningún lugar”. Así salientou que “hai que ir polas trazas antigas e polos Camiños Reais de Muros e Noia, que están mellor conservados do que un podería esperar”. Pero tamén salientou lugares como o Castro de Baroña, “unha cita inescusable porque os camiños do mar son camiños gañadores, porque moita xente quere ver o mar. E no Camiño da Ría de Muros Noia iso faise durante tres etapas”.

Ademais, puxo en valor o enclave de Toxosoutos, “un lugar especial posto aí para que cheguen os peregrinos polo camiño histórico ou pola variante fluvial, que tamén me temo que vai ser a prioritaria en canto estea un pouco sinalizada e acondicionada porque camiñar por un bosque de ribeira perfectamente conservado ao longo de 10 km é algo que non se pode desfrutar en moitos lugares de Galicia”.

Todas as persoas asistentes á presentación, entre as que figuraban o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo; e concelleiras/os de Outes, Rois e Porto do Son, foron obsequiados con cadansúa guía. Proximamente, todas as persoas que desexen un exemplar poderán obtelo de balde a través da web www.caminoriamurosnoia.gal

Antón Pombo

Antón Pombo é xornalista, escritor e historiador. Fundador da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia da Coruña, é Premio Internacional Aymeric Picaud polo seu traballo de investigación e difusión dos valores xacobeos e protagonista do renacer da peregrinación desde os anos oitenta do século pasado a través do asociacionismo xacobeo.

Doutorado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou a súa tese doutoral sobre a igrexa compostelá de finais do século XIX, coincidindo co primeiro rexurdir xacobeo. Unha iniciativa que lle permitiu, ademais de traballar con diferentes arquivos históricos e hemerotecas de toda España, viaxar a Roma no 1992 para afondar nas súas investigacións durante un ano.

Ten percorrido en numerosas ocasións as distintas rutas xacobeas e está considerado como unha das máximas autoridades en España sobre esta temática. De feito, leva case trinta anos publicando guías como esta con Anaya Touring e é o autor que máis exemplares ten vendido sobre o Camiño. Ademais, Pombo percorre todos os anos as distintas etapas dos Camiños para manter actualizadas as súas guías.

A súa vinculación coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia levouno non só a escribir esta guía, senón tamén a participar na presentación da “Volta de Gloria” o pasado mes de xaneiro en FITUR. Non en van, foi o responsable da delimitación deste itinerario turístico, o primeiro que une dous camiños xacobeos, xunto con José Antonio de la Riera e Segundo Saavedra.

Deja un comentario