Wednesday 02 de April de 2025

O concello consolida o seu crecemento poboacional cun incremento de 200 veciños no último ano 


No termo municipal residen 530 persoas estranxeiras procedentes de 37 países de Europa, África e América.

O concello da Laracha continúa rexistrando un constante e progresivo aumento poboacional nos últimos anos que o consolida como un municipio de destino atractivo para novos residentes e familias que procuran un lugar para establecerse.

No momento actual está en marcha o procedemento que establecerá a cifra oficial de habitantes con data 1 de xaneiro de 2025. O protocolo, regularizado pola normativa vixente, indica que o Concello debe remitir ao Instituto Nacional de Estadística (INE) os datos actualizados do padrón municipal, que son cotexados con outras fontes administrativas para garantir a veracidade.
É habitual que os datos do INE e do padrón municipal presenten discrepancias no cómputo, que se dirimen durante a fase de alegacións realizando unha análise e investigación en detalle deses casos, que precisamente é o momento no que se atopa o procedemento.

Considerando as cifras achegadas desde o INE e as que reflexa o padrón municipal, a previsión é que o dato oficial de poboación a 1 de xaneiro 2025 se aproxime aos 11.800 habitantes, cun incremento aproximado de 200 habitantes con respecto ao ano anterior.

Por sexos, na Laracha o 51 % da poboación son mulleres, con máis de 150 veciñas que veciños.
Por parroquias, a más poboada é Torás con preto de 4.400 habitantes, dos cales 3.750 residen no núcleo urbano da Laracha. A segunda parroquia é a de Lestón, con 1.500 persoas, 860 delas en Paiosaco. Cabovilaño mantense como a terceira parroquia máis poboada con máis de 1.100 habitantes, por diante dos 820 de Caión e os case 800 de Vilaño.

Outro dato salientable é a presenza no padrón de habitantes de 530 veciños estranxeiros procedentes de 37 países diferentes de Europa, África e América. Por nacionalidades, a cifra máis destacada e a de marroquís (98), seguida de Colombia (75), Portugal (51), Brasil (48), Venezuela (39) e Cuba (25). Entre a poboación foránea residente na Laracha hai máis mulleres (282) que homes (248).

O continuo e progresivo aumento de poboación que está a rexistrar o concello da Laracha nos últimos anos é o mellor indicador de que o termo municipal é un bo lugar para vivir, traballar e prosperar. Este crecemento vai necesariamente acompañado desde o Concello co fortalecemento dos servizos municipais e a planificación de proxectos e iniciativas que permitan aos cidadáns desfrutar dos máis altos estándares de calidade en equipamentos, instalacións, infraestruturas e programas públicos.

Deja un comentario