Wednesday 02 de April de 2025

O Concello obtén 4,4 millóns de euros en fondos europeos para desenvolver ferramentas e solucións baseadas na IA


O proxecto ‘Allocate’ promove un entorno colaborativo con empresas, entidades públicas e mundo académico para mellorar o transporte sostible, a recollida de residuos ou o servizo de incidencias

O Concello da Coruña vén de coñecer que lle foron concedidos 4,4 millóns de euros de fondos europeos para desenvolver ferramentas e solucións baseadas na IA na cidade. “Este é un grande éxito para A Coruña que nos permitirá mellorar diferentes servizos públicos facendo un uso responsable e sostible da Intelixencia Artificial”, indica a alcaldesa, Inés Rey. Só dúas cidades españolas, A Coruña e Salamanca, obtiveron estas axudas europeas, nas que foron seleccionados un total de 20 proxectos de 13 países membros da UE. En total, presentáronse 110 cidades de toda Europa á convocatoria, 15 delas españolas.
O Concello da Coruña presentouse a esta convocatoria da Iniciativa Urbana Europea, dependente da Comisión Europea. O 80% do orzamento do proxecto, un total de 4.416.998 euros, será asumido por fondos FEDER. Os resultados desta iniciativa poderán ser compartidos con outras cidades europeas para mellorar o impacto desta iniciativa, contribuíndo á elaboración de políticas urbanas a diferentes escalas e apoiando a cooperación entre as zonas urbanas europeas.

Mediante o desenvolvemento de infraestruturas que permitan a experimentación e a cocreación de IA, o proxecto Allocate impulsará a competitividade económica da Coruña, reducirá a súa pegada medioambiental e garantirá un desenvolvemento urbano inclusivo impulsado pola IA. Allocate fará fronte aos retos urbanos inmediatos, fomentando a participación das Pemes locais, que desenvolverán solucións de IA verdes e éticas. Ademais, buscarase crear unha nova Comunidade de Computación Local (LCC) orientada ao crecemento económico a longo prazo e a sustentabilidade medioambiental urbana. Poñerase en marcha unha nova comunidade colaborativa, apoiada polo Clúster TIC (asociación de TI en Galicia con máis de 150 empresas, principalmente Pemes). Espérase que se unan inicialmente unhas 40 empresas, traballando con 4 departamentos do Concello da Coruña e expertos do CITIC. Lanzarase unha convocatoria entre a Comunidade de Computación Local (LCC) para seleccionar 10 Pemes e Start-ups que proben tres casos de uso urbano real do Concello.
Ditos casos urbanos atenderán a necesidades prioritarias actuais. Deste xeito, aplicarase a IA sobre a mobilidade sostible en bicicleta pola cidade. Tamén se implementarán procesos novidosos no servizo de recollida e tratamento de residuos da cidade. Por último, tamén se aplicarán as últimas tecnoloxías ao servizo de incidencias municipal.

Iniciativa Urbana Europea

A Iniciativa Urbana Europea é un instrumento da Unión Europea sucesor da Iniciativa de Accións Urbanas Innovadoras aplicada durante o período de programación 2014-2020. É unha ferramenta fundamental para o apoio ás cidades de todos os tamaños a crear capacidade e coñecementos, fomentar a innovación e desenvolver solucións innovadoras transferibles e escalables para os desafíos urbanos de relevancia para a Unión Europea (UE).

Conta cun orzamento FEDER de 450 millóns de euros para o período 2021-2027, dos cales, o 75% destínase a apoiar o subprograma IUE-AI. A través da IUE-AI, as autoridades urbanas terán a posibilidade de probar, a través de proxectos piloto, como funcionan na práctica as solucións novas e non probadas e como responden á complexidade da vida real.

O obxectivo desta terceira convocatoria é que as cidades avancen cara a un futuro máis verde e dixital. Convídase a que cidades de toda a UE presenten proxectos enfocados ben en “Transición enerxética” ou ben en “Tecnoloxía nas cidades”.

Deja un comentario