
O sendeiro que conecta a escola infantil co parque de skate dos Rosales foi restaurado e nivelado
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, visitou esta mañá as instalacións da Escola Infantil Municipal dos Rosales, onde xa concluíron os traballos de mellora da accesibilidade postos en marcha polo Concello a mediados do mes de febreiro.
As obras, que supuxeron un investimento de 30.000 euros, consistiron na creación dunha nova saída de evacuación pola parte traseira do edificio, unha medida concibida para reforzar a seguridade das nenas e nenos matriculados na escola infantil e tamén do persoal que traballa na instalación. A actuación incluíu, ademais, a renovación do peche perimetral metálico.
Borrego puxo en valor esta intervención e subliñou que “paso a paso, o Goberno de Inés Rey vai dando resposta ás demandas da comunidade educativa da Coruña e tamén das súas familias, coas que compartimos o compromiso de modernizar as instalacións existentes, facilitar o traballo do persoal docente e, de paso, mellorar o benestar das e dos pequenos no seu día a día”.
Neste sentido, e aproveitando a intervención, a Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade tamén acondicionou o sendeiro de terra que conecta a escola infantil co parque de skate dos Rosales, un percorrido que foi restaurado e nivelado en paralelo ao desenvolvemento dos traballos na EIM.
Actuacións en marcha en centros educativos de Elviña e Monte Alto
As melloras executadas na EIM dos Rosales non son as únicas que se levaron a cabo neste primeiro trimestre do ano. Ao longo destes meses tamén se traballou en centros educativos do barrio de Elviña como o Ramón de la Sagra, onde se está a renaturalizar o patio exterior, e no María Pita, onde xa se están a executar melloras de accesibilidade desde a rolda Camilo José Cela. Por outra banda, en colexios de Monte Alto como o Víctor López Seoane, o Concello está a remodelar a pista de múltiples deportes e a renovar parcialmente o seu peche perimetral.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.