Wednesday 02 de April de 2025

En marcha as probas técnicas na fachada da Domus, que permitirán definir o proxecto integral para acometer a súa rehabilitación


Ao longo desta semana traballarase en catro puntos específicos da cara exterior do edificio, onde se contrastarán as solucións que están sobre a mesa para emendar as deficiencias existentes entre a lousa e a subestrutura

O Concello puxo en marcha este luns as probas técnicas coas que se determinará a solución específica para rehabilitar a fachada ‘vela’ da Domus, unha medida fundamental para preservar as máis de 6.500 pezas de lousa galega que compoñen a cara exterior da Domus, que con case 30 anos de vida é un dos grandes emblemas patrimoniais da Coruña e da rede de Museos Científicos Coruñeses.

A rehabilitación da fachada da Domus é unha das iniciativas impulsadas polo Goberno de Inés Rey ao abeiro do plan de mellora dos equipamentos culturais da cidade, unha folla de ruta que, a curto e medio prazo, comprende actuacións que tamén inclúen a Casa das Ciencias, por exemplo.

No caso da Domus, o persoal técnico da Área municipal de Edificación, da Concellaría de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, traballou estes últimos meses para responder ás necesidades actuais da fachada, onde se detectaron deficiencias derivadas da falta de ventilación da cámara de aire na fachada trasventilada, o que derivou, co paso do tempo, na deterioración progresiva dalgunhas pezas e tamén das ancoraxes de aluminio que exercen de enganche entre a lousa a e subestrutura.

Por este motivo, o Concello, coa supervisión de César Portela, arquitecto e coautor do edificio xunto ao premio Pritzker Arata Isozaki, efectuará diversas probas ao longo desta semana sobre a fachada da Domus que dá á enseada do Orzán, nas que se traballará en catro puntos específicos para contrastar as dúas alternativas técnicas que están sobre a mesa: a primeira, aparafusar as pezas directamente á fachada; e a segunda, mellorar as ancoraxes orixinais do ano 1995, con tecnoloxías actuais.

En ambos os casos, está previsto substituír as pezas de aluminio por outras dun perfil idéntico, mais feitas de aceiro inoxidable. Ademais, tamén se eliminarían as platinas.
“O obxectivo é determinar cal destas dúas solucións nos permitirá reformar a fachada sen que afecte á xeometría e imaxe da Domus”, explicou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, que subliñou que as dúas solucións propostas se consensuaron previamente con César Portela, que supervisará as probas ao longo destes días.

Díaz Gallego tamén explicou que, unha vez que se concrete cal das dúas solucións técnicas é a máis axeitada, o Concello procederá inmediatamente a redactar o proxecto, paso previo á saída a concurso dos traballos de mellora en toda a fachada.

O plan de melloras na Domus prevé actuacións na fachada-biombo

A folla de ruta prevista polo Goberno de Inés Rey na Domus inclúe, a medio prazo, máis intervencións en outros puntos do museo. Neste sentido, xa está redactado o proxecto para intervir nos muros de formigón e reparación de estruturas do edificio, o que aparellará tamén melloras nas escaleiras de evacuación das oficinas da Domus.

A posteriori, tamén está previsto actuar na fachada-biombo da Domus, con saída á rúa Ángel Rebollo, para mellorar o seu sistema de impermeabilización fronte a posibles filtracións.

Deja un comentario