Wednesday 02 de April de 2025

Unha viaxe ao retrato a través da pintura de Andrés Gabarres Cagiao


A Galería do Concello de Sadurniño acolle durante todo abril a exposición do artista ferrolán afincado en Madrid

A galería do primeiro andar da Casa do Concello de San Sadurniño volve abrirlle as súas portas á arte contemporánea durante todo o mes de abril, cunha exposición do pintor Andrés Gabarres Cagiao. A mostra, centrada no retrato e na exploración matérica da figura humana, ofrece unha visión única da evolución deste artista ferrolán afincado en Madrid, cuxa obra combina realismo, experimentación técnica e unha forte carga expresiva. Con máis de vinte exposicións individuais e máis de medio centenar de premios, Gabarres consolidouse como unha das voces máis persoais da pintura actual e nun valor á alza tanto na plástica como na escultura.

O artista, nacido en Ferrol en 1986, posúe unha traxectoria marcada pola exploración constante da linguaxe pictórica. Formado academicamente en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, Gabarres participou en máis de vinte exposicións individuais e colectivas, ademais de acumular numerosos premios, entre os que destaca o recente recoñecemento como finalista no 60º Premio Reina Sofía de Pintura e Escultura.

A exposición en San Sadurniño permite mergullarse no universo creativo do artista, onde convive o realismo coa experimentación matérica, concepto este último que se refire á pintura que non só traballa coa cor, senón tamén coa textura que lle confiren outros materiais. “Aquí pode observarse unha temática xeral que está enfocada no retrato. Pode verse un percorrido da miña maneira de abordar o retrato nos últimos oito anos e como evolucionou a maneira de executar e os rexistros”.

Segundo ten dito Gabarres nalgunha ocasión, a súa pintura preocúpase moito pola linguaxe e busca abordar o realismo a través desa vía, incluso nos retratos e momentos roubados da vida cotiá que protagonizan a mostra aberta en San Sadurniño. Para ela escolleu cadros de tamaños e técnicas variadas nos que explora diferentes rexistros e formas de execución cos que fica demostrado, unha vez máis, que a pintura pode aproximarse á representación sen ser estrictamente mimética.

A paixón do artista pola materialidade refléxase especialmente no seu traballo con óleo, a técnica coa que se sente máis cómodo. Porén, non se limita a un único método: “Uso técnicas mixtas, utilizo distintos materiais e incluso elementos externos para introducilos na obra”, explica. Esta versatilidade está presente nos seus cadros, onde as texturas e os volumes interpretan un papel fundamental.

O tratamento da luz e da cor nas súa obras tamén resulta clave na construción das figuras. As pezas de Gabarres afondan na expresividade do rostro humano a través de contrastes intensos e xogos de superposición de capas. Moitas das súa obras presentan unha paleta cromática que varía entre tons terrosos e cores máis vibrantes, ao tempo que se intercalan con outras en branco e negro, trazadas ao carbón que potencia a introspección dos personaxes retratados.

Ademais da pintura, Gabarres ten explorado a escultura, unha disciplina na que atopou puntos de contacto coa súa obra plástica. A interacción entre ambas as disciplinas engade unha capa máis de complexidade ao seu traballo. “Ata agora desenvolvín máis a miña faceta plástica que escultórica, pero síntome cómodo nos dous territorios. Sempre digo que a miña obra plástica é moi escultórica e que a miña obra escultórica tamén ten todo o plástico de min, porque as pátinas, a maneira de pintar e de ver os volumes compártense nas dúas disciplinas”, explica.

Outro dos elementos distintivos do seu traballo é a exploración de rostros anónimos e figuras que parecen emerxer do lenzo con trazos inacabados, suxestivos e profundamente expresivos. Quen observa debe completar a historia que hai detrás de cada figura, unha estratexia que fai da súa obra unha experiencia visual e emocionalmente envolvente.

Gabarres convida a visitar a exposición con “mente aberta”, xa que se as persoas visitantes atoparán unha proposta “moi plásticca, centrada máis no artístico que no comercial” por medio da que verán “diferentes maneiras de abordar o retrato”.

A mostra poderá visitarse durante todo o mes de abril na Casa do Concello, de luns a venres nos horarios de apertura das oficinas municipais (de 8:30 a 14:30h). Será unha oportunidade única para achegarse á obra dun artista en plena madurez creativa, que continúa afondando nas posibilidades expresivas da pintura e da materia.

Deja un comentario