Wednesday 02 de April de 2025

Bernardo Fernández Piñeiro presenta a súa pre-candidatura para revalidar o seu cargo como secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincial


–Proximidade, traballo duro e experiencia son as liñas mestras do seu modelo para facer un partido “mellor e máis forte”

–“O meu obxectivo principal é preparar o partido para gañar as vindeiras eleccións municipais”, declara o tamén alcalde de Pontedeume

Bernardo Fernández Piñeiro presenta a súa pre-candidatura para revalidar o seu cargo como secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia da Coruña.

Precisamente hoxe comeza o prazo de presentación de pre-candidaturas para as primarias que escollerán a secretaría xeral provincial provincial, que terán lugar o día 27 de abril.

Fernández Piñeiro, ademais de ser o secretario provincial dende 2022, é o actual alcalde de Pontedeume, despois de obter a maioría absoluta en 2015 e revalidala en 2019 e 2023. É tamén o voceiro do Grupo Socialista na Deputación da Coruña.

O socialista preséntase co obxectivo de continuar fortalecendo o partido na provincia: “O meu obxectivo principal é preparar o partido para gañar as vindeiras eleccións municipais e manter o goberno da Deputación”.

“Durante estes anos tratei de aplicar ao partido a mesma filosofía que aplico no meu Concello, que é a proximidade aos problemas das agrupacións e da militancia, o traballo duro, a ambición e a experiencia para facer un partido mellor e máis forte”, sinala Fernández Piñeiro.

O actual líder do PSdeG na Coruña sinala que este é “un referente do municipalismo en España”. “Gobernamos a Deputación por terceiro mandato consecutivO con Valentín González Formoso, un feito histórico que nunca antes tiña acontecido”, lembra.

“Unha Deputación que amosa día a día que hai unha forma diferente e máis xusta, transparente e efectiva de xestionar estas administracións. Fronte a unha Xunta cunha folla de ruta caciquil e partidista, a Deputación da Coruña axuda e colabora con concellos con criterios de obxectividade, sen ter en conta a cor política dos gobernos municipais”, afirma.

“Gobernamos tamén en 31 concellos e na principal cidade da provincia, A Coruña, onde Inés Rey, ademáis de alcaldesa é a vicepresidenta da Federación Española de Municipios”, engade Fernández Piñeiro.

Para o socialista, “este é o mellor exemplo do músculo do PSdeG, que está cimentado sen lugar a dúbidas no municipalismo, onde somos a principal forza de Galicia, gobernando á maioría dos galegos e galegas”.

“Temos que aproveitar todo este potencial para, desde o noso modelo municipalista, continuar fortalecendo ao partido en todos os concellos da provincia e polo tanto, seguir a mellorar o entorno e a calidade de vida de todos os coruñeses e coruñesas”, subliña.

Ademais, Fernández Piñeiro destaca o seu compromiso de “favorecer o crecemento do partido nos municipios onde temos menos presencia”. “A incorporación de novos perfiles e de referentes dos diferentes concellos será tamén unha liña estratéxica para conformar as candidaturas dasmunicipais, unha liña na que comezamos a traballar no presente mandato e que nos permitiu obter representación onde levabamos varias lexislaturas sen concelleiros”, apunta.

“Durante estes catro anos seguiremos a traballar para fortalecer as comarcas como estruturas fundamentas de cohesión das agrupacións locais, clave para vertebrar a provincia”, salienta tamén o actual secretario provincial.

“A captación de talento é outra das nosas principais liñas de actuación, para poñelo ao servizo das agrupacións e aproveitar así o noso grande capital humano na mellora da organización”, indica.“Vou traballar por un partido máis grande, máis forte e máis presente na sociedade da nosa provincia”, conclúe.

Deja un comentario