Tuesday 01 de April de 2025

II Xuntanza Mulleres Neda


Preto dun centenar de mulleres compartiron hoxe mesa e mantel, e sobre todo, conversa e bo humor, na II Xuntanza de Mulleres de Neda coa que o Concello poñía o broche de ouro á programación deseñada para conmemorar o 8M. A iniciativa tiña lugar no centro cívico, e comezaba este mediodía cunha homenaxe á Asociación de Mulleres Rurais Val do Belelle. Unha entidade que leva traballando a favor da dinamización sociocultural da localidade dende hai xa 18 anos, impulsando unha morea de actividades que enchen de vida a antiga escola unitaria do Roxal, convertíndoa nun punto de encontro entre mulleres. A súa presidenta, Teresa Paz, acompañada da vicepresidenta e da secretaria, María Lamas e Mª del Carmen Franco, respectivamente, recibía a placa conmemorativa de mans da concelleira de Igualdade, Ángeles Puentes, e máis das edís de Cultura, Marián Bello, e Sanidade, Marga Díaz. Precisamente, Puentes poñía en valor o traballo conxunto que realizaron as diferentes concellerías para activar unha programación durante todo o mes, con charlas e talleres en coles e instituto, presentacións literarias, andaina… A Asociación de Mulleres Rurais Val do Belelle agradecía o recoñecemento, comprometía continuar o seu labor dinamizador, e facía unha chamada ao relevo xeracional, animando ás mulleres e participar da entidade e poñerse en primeira liña. Un discurso que as participantes saudaron cun aplauso e todo o seu agarimo.

Deja un comentario