
Este mediodía inaugurouse a rúa Yasser Arafat en Santa Cruz. O acto contou coa participación de numerosos veciños e veciñas, así como dunha representación importante de cidadáns palestinos que sufriron nas súas propias carnes as bombas e os ataques do exercito isaraelí.
Na súa intervención, o alcalde gabou a figura de Yasser Arafat como un home de paz, un loitador pola liberdade do seu pobo, recoñecido internacionalmente co Nóbel da Paz ou co Princesa de Asturias. Tamén denunciou a masacre perpetrada polo Goberno de Israel en Gaza e Cisxordania e lanzou unha mensaxe de esperanza e optimismo dicindo que “o pobo palestino nunca desaparecerá, na súa patria ou na diáspora, seguirá reclamando o seu dereito a vivir en paz na súa terra ata conseguilo”, dixo.
Pola súa parte, o presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim, felicitou ao alcalde por ter tomado esta decisión de dedicarlle unha rúa á figura de Yasser Arafat, un líder palestino que, segundo apuntou, será lembrado historicamente como o Premio Nobel da Paz de 1994, a pesar de que a ansiada paz nunca chegou a Palestina.
Jaber Ibrahim coñeceu persoalmente a Arafat, que mesmo foi unha das grandes personalidades que se aloxaron nos anos 90 no Hotel Eurostars Araguaney de Santiago, propiedade do empresario palestino. “Arafat desenvolveu unha profunda conciencia política e social, en parte pola Nakba vivida polo pobo palestino a mediados do século XX e, por suposto, pola súa experiencia persoal de mozo, cando fuxiu ao Cairo coa a súa familia. Tivo unha vida marcada polo exilio, o desprazamento, a loita armada, a diplomacia e as tensións internas, así como polo profundo anhelo de regresar sempre a Palestina. O seu legado é un reflexo da loita incansable dun home que dedicou a súa vida a lograr a independencia e a autodeterminación do seu pobo” –expuxo–.
A rúa inaugurada hoxe responde a unha nova configuración de viario, realizado con pavimento de formigón e lastro para a zona peonil, e un deseño pensado para velocidades inferiores a 20 km/h, seguindo as tendencias urbanas máis avanzadas.
O trazado sinuoso da calzada responde aos criterios de pacificación do tráfico, que recomendan evitar ao máximo as liñas rectas, co obxectivo de manter a atención da persoa que conduce, incidindo así no papel de deseño na conducta viaria das persoas que camiñan e que conducen.
As amplas beirarrúas e os bolardos semiesféricos de granito que as protexen da calzada danlle unha forte personalidade, conformando un paseo peonil que se integra na rede viaria de Santa Cruz comunicando as rúas do Souto e Concepción Arenal.
A vexetación consta de varios parterres con celosía que lle aportan un aspecto verde ao deixar medrar a herba baixo eles e acoller distintas especies arbóreas. Precisamente dúas palmeiras da variedade washingtonia foron recuperadas e podadas. Dispúxose para elas un amplo contedor para preservar as constantes vitais das súas raíces.
Un deseño que responde aos novos modelos de vías segregadas, de baixa velocidade escaso ruído e contaminación, con tránsito só de paso, sen estacionamento e con vocación peonil.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.