Tuesday 01 de April de 2025

O alumnado de Formación Profesional expón as súas ideas emprendedoras na Feira de Ideas do programa Inicia


A cita terá lugar este luns, 31 de marzo, no Fórum Metropolitano, con 15 proxectos finalistas dos centros educativos da cidade

O concello da Coruña celebra este luns, 31 de marzo, unha nova edición da Feira de Ideas do programa Inicia, unha iniciativa municipal impulsada polo Goberno de Inés Rey para fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado de Formación Profesional e Ensinos Especiais da cidade.

A actividade desenvolverase ao longo da xornada no Fórum Metropolitano. En horario de mañá, entre as 10:00 e as 14:30 horas, o alumnado dos 15 proxectos finalistas presentará as súas propostas emprendedoras nunha mostra aberta ao público. A exposición incluirá maquetas, materiais gráficos e outros recursos para dar a coñecer as súas ideas de negocio. O comité avaliador terá en conta esta fase para completar a puntuación dos proxectos.

Ás 11:30 horas está prevista unha visita institucional ao espazo expositivo, encabezada por Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados do Concello da Coruña.
Xa pola tarde, entre as 16:00 e as 18:30 horas, o Auditorio do Fórum acollerá unha xornada de experiencias emprendedoras con representantes de iniciativas locais como Pablo Visos Varela (Sherlook), Enrique do Rosario (Sunwalk Records) ou o equipo de Skomb-by-Tex. A continuación, procederase á entrega dos Premios “Formación para emprender”, tamén coa participación da concelleira.
Participan nesta edición estudantes de cinco centros educativos da cidade:a Grande Obra de Atocha, o Centro de Formación Profesional Nebrija, o IES Rosalía Mera e mais a Escola de Imaxe e Son. Os proxectos abranguen unha ampla variedade de especialidades como administración, deseño gráfico, mecánica, produción audiovisual, electrónica ou comercio electrónico.

Cabanas salientou que “o programa Inicia representa unha aposta clara pola innovación pedagóxica e pola conexión do ensino coa realidade laboral, ofrecendo ao alumnado unha oportunidade real de desenvolver competencias emprendedoras nun contexto creativo e colaborativo”.
O programa Inicia está impulsado polo Concello da Coruña en colaboración coa Unión de Cooperativas Espazocoop, consolidándose como unha ferramenta educativa clave para achegar o alumnado á realidade empresarial, potenciando a creatividade, a innovación e o traballo en equipo.

Deja un comentario