Tuesday 01 de April de 2025

Poetas Di(n)versos regresa este luns ao Ágora co angolano Ondjaki e o padronés Séchu Sende como protagonistas


O recital de marzo comezará ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar capacidade

Este luns, 31 de marzo, celebrarase a segunda sesión do ano do ciclo Poetas Di(n)versos, un programa dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño. Logo da suspensión por motivos de saúde dun dos participantes da sesión de febreiro, mañá ás 20.00 horas o auditorio do Centro Sociocultural Ágora recibirá ao angolano Ondjaki e ao padronés Séchu Sende. A entrada será libre ata completar capacidade e o recital poderase ver en directo a través da canle de YouTube de Poetas Di(n) versos. “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apoiando unha iniciativa xenuína e única a nivel galego que permite á cidadanía coñecer e gozar ao vivo de grandes nomes da poesía, tanto do país como internacionais”, apunta Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Ondjaki, (Luanda,1977) é doutorado en Estudos Africanos. Narrador e ás veces poeta, tamén escribe para o cinema. É membro da União dos Escritores Angolanos. A súa extensa obra literaria está formada por cinco novelas, catro coleccións de contos, seis poemarios e seis libros infantís. Como poeta estréase en 2000 co libro ‘Actu Sangíneu’.

Recibiu prestixiosos premios internacionais como o Sagrada Esperança, en Angola, no ano 2004, o José Saramago en Portugal no 2013 ou o Premio Littérature-Monde no ano 2016 co seu libro Os Transparentes. Está traducido a diversos idiomas. No ano 2023, a Universidade de Évora outorgoulle o Premio Vergílio Ferreira polo conxunto da súa obra.
Pola súa banda, Séchu Sende (Padrón, 1972) ademais de filólogo, docente, activista e regueifeiro, é creador de poesía oral, escrita e audiovisual. A súa obra narrativa, caracterizada pola reflexión sobre temas como o ecoloxismo, a lingua, a identidade e a memoria, destácase con títulos como ‘Made in Galiza’ ou ‘A República das Palavras’. No terreo divulgativo, deu ao prelo o ensaio ‘O povo improvisador’ A estes títulos súmanse os poemarios ‘Odiseas’, ‘Os cavalos estám a viver as nossas vidas’ e ‘Animais’. Tamén utiliza a poesía nas redes sociais, na publicidade social, na pedagoxía ou na música. No campo da improvisación oral, participa no movemento da Nova Regueifa.

Deja un comentario