
O Pleno aproba unha moción conxunta para organizar actividades de recoñecemento, posta en valor e homenaxe á figura do musicólogo Xosé López Calo co gallo do quinto aniversario do seu falecemento
A unanimidade caracterizou a sesión plenaria ordinaria de marzo en Lousame, pois todos os puntos da orde do día foron aprobados co voto a favor dos tres grupos municipais (PP, PSOE e BNG) coa excepción do primeiro, a adhesión do Concello de Lousame á Central de Contratación da FEMP, no que o BNG optou pola abstención. Entre os acordos adoptados na sesión destacan dous: a petición dunha subvención nominativa á Deputación Provincial da Coruña para a renovación do céspede do campo de fútbol municipal de Cabanetán e a realización o próximo mes de maio de varias actividades de recoñecemento, posta en valor e homenaxe ao prestixioso musicólogo Xosé López Calo, “Pepito do maestro”, con motivo do quinto aniversario do seu falecemento.
Previamente, os tres grupos municipais aprobaran tres recoñecementos extraxudiciais de crédito para o pago de facturas, un deles con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais e os outros dous con cargo á partida de gastos correntes. Tres recoñecementos que suman un total de 82.272,84 euros.
Campo de Cabanetán
Na quenda de mocións, o PSOE presentou unha moción na que solicitaba que o Concello de Lousame incluíra a renovación do céspede do campo de fútbol de Cabanetán con cargo ao Plan Adicional 2025 da Deputación da Coruña e que, segundo expresou o voceiro socialista, Juan José Prego Ces, ascendería a máis de 349.000 euros. Unha cifra que o voceiro municipal xustificou citando “segundo as miñas fontes”.
Ao igual que pasara na sesión na que se debateu o POS+2025, o voceiro do BNG, Anxo Moledo Carreño, volveu criticar a proposta socialista. Se na sesión de febreiro lle criticara romper o acordo da Xunta de Voceiros de non incluír esta obra no POS, desta ocasión puxo en cuestión as cifras ofrecidas polo voceiro socialista. “Consultei na Deputación e dixéronme que o Plan Adicional, que aínda non está aprobado, roldará os 160.000 euros, non os 400.000 euros”. Neste sentido, Moledo sinalou que esa cifra, en todo caso, sería o total do Plan Adicional, incluídas as cantidades aprobadas en febreiro para redución de débeda e o destinado a servizos sociais.
Uns cartos, en todo caso, non dispoñibles porque, como lembrou a alcaldesa Teresa Villaverde, “nun caso aínda non está aprobado e non sabemos os cartos dos que dispoñemos e nos outros xa están destinados a outros investimentos e mantemento de servizos”, polo que instou ao voceiro municipal socialista a presentar primeiro unha lista coas obras e servizos á veciñanza que propón non realizar para destinar eses cartos á renovación do céspede de Cabanetán.
Villaverde Pais reiterou o que leva moitos meses traballando para conseguir o arranxo do campo de Cabanetán, “encargando proxectos, levándoos tanto á Deputación como á Consellería para conseguir financiamento”, facendo fincapé en que “temos o proxecto feito e axustado ás necesidades do campo de Cabanetán”. Por iso propuxo incluír esta actuación dentro dos préstamos do IGVS, cuxa próxima convocatoria terá lugar en xuño de 2025.
Unha posibilidade que non convenceu aos grupos da oposición, polo que o voceiro nacionalista propuxo unha emenda á totalidade da moción socialista, retirando a petición de utilización do Plan Adicional e incluíndo a solicitude dunha subvención nominativa para a realización dos traballos. Teresa Villaverde lembrou que “fun á Deputación varias veces, estiven co deputado do PSOE de Deportes e vostedes saben o que me dixo” e insistiu en que “as nominativas convócanse todos os anos, non temos ningún problema en pedilas pero a concesión non funciona así”, lembrando como a última nominativa solicitada polo Concello de Lousame na lexislatura para unha obra en Cruído estivo “tres anos traspapelada”. Por iso, insistiu en acudir á convocatoria do IGVS de xuño, lembrando que “o ano pasado non puidemos acudir porque xa estaba pechada. Se agora sae en xuño e a conseguimos, poderíamos executar as obras en outono”.
Tras un receso de máis de 20 minutos no que os voceiros dos tres grupos municipais se reuniron no despacho da Alcaldía, finalmente os tres grupos aprobaron por unanimidade desistir da proposta inicial socialista de utilizar o Plan Adicional, para “dirixir á Deputación Provincial da Coruña a petición dunha subvención nominativa para a renovación do céspede do campo de fútbol de Cabanetán”. Unha decisión tomada diante da directiva e simpatizantes do Lesende CF, presentes na sesión plenaria e aos que, ao rematar o pleno, se lles ofreceu tomar a palabra, proposta que declinaron.
Xosé López Calo
Así mesmo, aprobouse unha moción conxunta dos tres grupos municipais con motivo do quinto aniversario do falecemento de José López Calo, nado en Nebra (Porto do Son) pero que residiu gran parte da súa vida en Vilacoba (Lousame), onde os seus conveciños o coñecían como “Pepito do maestro”. “Foi un musicólogo excepcional e o seu legado perdurará por sempre na historia da música”, destacou a alcaldesa Teresa Villaverde, quen tamén puxo en valor o traballo realizado pola súa irmá, Teresa López Calo, “el era unha eminencia, pero ela estivo sempre ao seu lado axudándoo no seu traballo de recompilación e posta en valor da música medieval de Galicia. Gustaríame terlle feito un maior recoñecemento en vida, pero non foi posible”.
Neste sentido, Villaverde lembrou que o Concello de Lousame xa organizara un concerto e dúas homenaxes a López Calo, pero que “con motivo do quinto aniversario da súa morte, acontecida o 10 de maio de 2020 en Salamanca á idade de 98 anos, recoñeceremos a relevancia da súa figura organizando actividades de homenaxe axeitadas e actividades de divulgación e posta en valor de López Calo, unha persoa que debe ser recordada polas xeracións vindeiras”.
Xosé López Calo foi un sacerdote, músico e un dos máximos representantes da musicoloxía a nivel internacional. Nado o 4 de febreiro de 1922 na parroquia de Nebra (Porto do Son), López Calo pasou a súa infancia e mocidade en Lousame, na parroquia de Vilacoba. Estudou no Seminario de Santiago e na Compañía de Xesús, onde ingresou en 1942. Licenciado en Filosofía pola Universidade Pontificia de Comillas e en Teoloxía na Facultade de Granada, era tamén doutor en Filosofía e Letras pola USC e en Musicoloxía polo Pontificio Instituto de Música Sagrada de Roma.
En 1963 foi nomeado secretario xeral da Sociedade Internacional de Música Sacra e asesor musical de Radio Vaticana, cargo que desempeñou ata 1970. Entre 1965 e 1970 foi profesor de Musicoloxía e vicerreitor no Pontificio Instituto de Música Sacra de Roma. En 1973 incorporouse á cátedra de Historia da Música da Universidade de Santiago, primeiro como profesor agregado e despois como catedrático. Alí permaneceu ata a súa xubilación, sendo designado profesor emérito. Desde 1988 foi profesor de Musicoloxía nos cursos de verán de Música en Compostela.
Fundou a Sociedade Nacional de Musicoloxía de Italia e de España e ocupou o cargo de numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, da de San Fernando e da de Granada, Segovia, Valladolid e Sevilla. Entre as investigacións que realizou destacan o estudo sobre o Códice Calixtino e a música da Idade Media galega. Foi autor de máis de setenta libros e douscentos cincuenta artigos nas principais revistas de musicoloxía do mundo. Tamén escribiu catálogos e documentarios de arquivos das catedrais de Santiago de Compostela, Ávila, Burgos ou Granada, entre outras. Uns traballos que a propia alcaldesa lousamiá puido comprobar en persoa durante unha visita realizada ao seu estudo en Compostela en maio de 2016, con motivo da preparación dun concerto homenaxe da Banda de Música de Lousame ao propio López Calo e a Juan Montes.
Ao longo da súa carreira de investigador recibiu numerosas distincións: a Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes (1998); o Premio das Artes e das Letras de Galicia (2092); o Premio Fernández Latorre “pola súa dedicación incansable e desinteresada ao estudo da música culta e a súa historia e, moi especialmente, pola súa inxente labor investigadora de recuperación e divulgación da temática galega” (2008). En 2018 recibiu tamén a Medalla de Ouro de Porto do Son. O 10 maio de 2020, López Calo faleceu por causas naturais aos 98 anos na residencia dos xesuitas en Salamanca, onde viviu os seus últimos anos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.