
Tres autobuses recolleron á veciñanza polas parroquias
Á misa continuoulle o emotivo pleno do maior, con honra á persoa máis veterana de cada parroquia, e unha comida con música en directo
Sergio Platas: “Sodes a nosa memoria e a nosa sabedoría. Tedes moito que ofrecer á sociedade”
Máis de 200 persoas responderon á chamada de Paderne para celebrar a vida. O Concello homenaxeaba hoxe aos seus veciños e veciñas máis veteranos e veteranas nunha Festa do Maior que foi todo un éxito, con persoas de todos os recunchos do municipio presentes na misa, o pleno especial e a comida que compoñían o menú do evento.
Finalmente, foron tres os autobuses que partiron desde o Concello ás 11:00 horas para ir pasando por todas as parroquias a recoller ás persoas que así o solicitaron e levalas á igrexa de Paderne, primeira parada dun día que continuou cun emotivo pleno dos maiores. Na Casa Consistorial, a persoa con máis idade de cada unha das nove parroquias ‘tomou posesión’ do seu ‘cargo’.
“Sodes a nosa memoria e a nosa sabedoría. Nós non nos unimos á moda de pensar que as persoas maiores son cargas. Ao contrario. Témosvos en conta porque debemos escoitarvos: tedes moitísimo que aportar á sociedade. Se din que a experiencia é un grao é por algo. Non pode ser doutro xeito. Grazas por estar aquí, contribuíndo a facer comunidade e por investir a vosa vida traballando e coidando das vosas familias en Paderne”, destacou o alcalde, Sergio Platas, antes de entregar cadanseu obsequio aos e ás maiores.
Tras o emotivo acto aberto ao público, os dous centos de persoas desprazáronse entre os autobuses e os coches particulares ao Maklkan Club de Oleiros, onde se celebrou a comida, que contou con música en directo para pechar un día moi especial.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.