Tuesday 01 de April de 2025

Abertas as inscricións no trail organizado polos Bombeiros da Coruña, que volverá aos montes de Mesoiro e a Zapateira o 12 de abril


Cúmprense dez edicións desta proba, un clásico do calendario deportivo anual na cidade. En paralelo ao trail tamén haberá unha andaina de nove quilómetros, ideada para a participación do público familiar

Xa está aberta a inscrición na décima edición do C-Trail Bombeiros Coruña que organiza a asociación do servizo municipal de Bombeiros da Coruña, unha proba que forma parte do calendario deportivo anual do Concello e que o sábado 12 de abril volverá aos montes de Mesoiro e A Zapateira cun novo percorrido nocturno de 14 quilómetros.

Será a décima edición deste trail, o único que se disputa no termo municipal e que, ano tras ano, implica a persoas de todas as idades nunha actividade saudable que, ademais, tamén visibiliza os espazos naturais e rurais da Coruña, caso dos bosques lindeiros a Novo Mesoiro, Feáns ou a Urbanización Breogán, entre outros.

A concelleira de Atención Cidadá e Seguridade, Montse Paz, convidou a cidadanía a participar nesta xornada deportiva, que ademais do trail tamén incluirá unha andaina nocturna de nove quilómetros, “máis enfocada ao público familiar, e na que as pequenas e pequenos, acompañados polos máis maiores, poden gozar desta actividade ao aire libre, en espazos naturais”.
Polo de agora, case 200 persoas xa confirmaron a súa inscrición no trail ou a andaina, cos percorridos xa dispoñibles nesta ligazón.

O C-Trail Bombeiros Coruña arrincará ás 21.00 horas do sábado 12 de abril

A xornada deportiva do 12 de abril comezará coa saída das e dos participantes na andaina nocturna, que arrincará ás 20.30 horas desde a contorna do pavillón polideportivo municipal de Novo Mesoiro, na rúa dos Ancares. Xa ás 21.00 horas porase en marcha o trail nocturno, con 700 metros de desnivel positivo no seu percorrido.

Neste sentido, e ademais do dorsal, tamén será obrigatorio portar unha lanterna ou sistema de iluminación frontal, por motivos de visibilidade e seguridade ao longo do trazado.
Coa súa inscrición, as persoas participantes contarán con servizo de avituallamento, asistencia en carreira e duchas e vestiario no pavillón de Novo Mesoiro. Ademais, haberá agasallos para todas e todos os que tomen parte na xornada deportiva.

Deja un comentario