
Como se vén informando nos últimos meses, a APP Millennium Próxima deixará de estar operativa o martes 1 de abril
Actualmente, o Concello contabiliza 54.000 persoas usuarias do sistema de pagamento con códigos QR e só un milleiro da APP Millennium Próxima, que no último mes representou apenas un 0,64% dos pagos totais no servizo de buses
O Concello ultima o plan para concentrar na APP Coruña o pago dos billetes do transporte urbano da Coruña a través de dispositivos móbiles, unha medida que deu un salto cualitativo o ano pasado ao habilitarse o pagamento a través de códigos QR con dispositivos iOS e Android. Dita aplicación de pago mediante códigos QR non só rexistra un menor número de incidencia, senón que é un sistema universal apto para todos os terminais, mentres o anterior só era apto para o 80% dos teléfonos.
O vindeiro martes 1 de abril deixará de estar operativa a APP Millennium Próxima, polo que o pagamento con dispositivos móbiles a partir desa data só será posible, precisamente, a través da APP Coruña, cos códigos QR.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou polo miúdo os datos que reflicten a evolución dos pagos con QR, que amosa unha tendencia á alza que coincide no tempo co descenso xeralizado dos desembolsos efectuados coa APP Millennium Próxima. “Desta última vimos rexistrando uns 300 usos diarios, fronte aos 18.000 con QR”, apuntou Díaz.
A isto súmase o volume de persoas usuarias que xa pagan con QR desde a implantación deste sistema. Son case 54.000, “e no caso da APP Millennium Próxima xa só a están a usar unhas 1.000 persoas”, detallou a concelleira, que agregou que, neste mes de marzo, os pagamentos coa APP Millennium Próxima só representaron un 0,64% dos pagos totais.
Díaz tamén indicou que, nos últimos meses, o servizo municipal de Mobilidade veu informando por diversas canles a todas as persoas usuarias da APP Millennium Próxima, co obxectivo de ir facilitando esta transición á APP Coruña “e dar marxe á migración de persoas usuarias ao novo sistema de pago con QR”. A migración é moi doada e pódese facer desde o propio teléfono seguindo uns pasos moi sinxelos, que permiten tamén trasladar o saldo dispoñible na anterior aplicación á nova. Máis información sobre como manter o saldo, aquí.
Cómpre destacar que o pago dos billetes no servizo de transporte urbano da Coruña seguirá estando dispoñible por tres vías, combinando formatos físicos e dixitais co obxectivo de dar resposta ás preferencias específicas da cidadanía. “Como ata agora, poderase pagar en efectivo, coa tarxeta física Coruña Millennium e, no caso dos dispositivos móbiles, co pago por QR a través da APP Coruña”. Os usarios do bus metropolitano, mentres a Xunta non actualice o seu sistema, poderán seguir pagando o bus urbano coas tarxetas físicas, tanto a Metropolitana como A Millennium.
Por outra banda, desde o Concello trabállase coa Xunta para que esta poida actualizar o antes posible os seus dispositivos de pago na flota metropolitana, o que redundará nunha maior compatibilidade entre as dúas redes de transporte dando facilidades ás persoas usuarias. A necesidade de implantar o sistema de pago por QR —máis fiable e apto para todos os móbiles fronte ao que ten implantado a Xunta— xa lle foi comunicada á Xunta hai meses desde o Concello e estanse a manter reunións cos seus responsables para avanzar nese eido.
Pasos para activar a Tarxeta Millennium QR
Á hora de pagar coa Millennium QR, se non se usou previamente, a persoa usuaria deberá antes xerar unha nova e aceptar as condicións de uso para que se xere un novo número de tarxeta.
Este trámite é moi sinxelo. En primeira instancia, é necesario descargar a APP Coruña, habilitada para dispositivos iOS e Android. A APP Coruña é unha aplicación que abrangue todos os servizos municipais da cidade, e que inclúe, precisamente, información da rede de transporte urbano e tamén a funcionalidade para pagar con códigos QR.
Unha vez descargada, só fai falla abrir a APP Coruña e acceder a Transporte > Autobús urbano > Pago con QR (ou usar o acceso directo que se atopa na pantalla principal da APP) e seguir as instrucións expostas na pantalla. Cómpre lembrar que a APP Coruña está dispoñible tanto para dispositivos Android como iOS.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.