Terá lugar o vindeiro venres 18 de marzo ás 16.30 horas nos baixos da Alameda. A inscrición xa se pode realizar dende hoxe na OMIX do Concello
O vindeiro venres, 18 de marzo, terá lugar unha charla na que se ofrecerá toda a información relativa ás axudas para procectos xuvenís incluídas no programa ‘Iniciativa Xove 2016’. A cita, especialmente dirixida a persoas con idades entre os 18 e 30 anos, desenvolverase nos baixos da Alameda de Ordes a partir das 16.30 horas. Para inscribirse basta con chamar á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), situada no primeiro andar do Concello, ao 981 680002 ext. 4.
‘Iniciativa Xove’ é unha liña de axudas que cada ano convoca a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia para que a mocidade galega desenvolva proxectos e iniciativas de interese. Poderán acceder a elas grupos de entre cinco e oito mozos e mozas sen necesidade de estar vinculados a ningunha asociación, cuxas idades estén entre os 18 e os 30 anos. Ademais deberán estar empadroados nalgún municipio galego. Tamén poderán optar ás subvencións as asociacións xuvenís e entidades que presten servizos á mocidade e que carezan de interese de lucro. Neste caso deberán estar inscritas no censo oficial da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
O presuposto máximo do que se poidan beneficiar os solicitantes ascende a 5.000 € subvencionado na súa totalidade. O prazo de solicitude rematará o 4 de abril.
As actividades deberán fomentar sempre a participación, a axeitada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar a través de proxectos integrais e específicos de actuación que estén planificados e desenvolvidos polos mesmos solicitantes das axudas. Ditos proxectos irán dirixidos á mocidade galega (principalmente dirixidas a mozos e mozas de 12 a 35 anos) e teñen que desenvolverse antes do 15 de outubro do 2016.
Para acadar máis información pódese solicitar na OMIX do Concello de Ordes, na páxina web www.xuventude.net ou ben no DOG do xoves 3 de marzo.