Wednesday 02 de April de 2025

A Senda do Mar Razo-Baldaio recibe un ano máis o distintivo Sendeiro Azul da asociación ADEAC


O coordinador de Protección Civil, Javier Souto, asistiu ao acto de entrega das bandeiras, celebrado en Murcia

O coordinador do servizo municipal de Protección Civil, Javier Souto, acudiu ao acto de entrega das bandeiras que identificarán os sendeiros azuis galardoados este ano pola Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac), a mesma que concede as bandeiras azuis.

Este galardón destaca e recoñece a conservación e a recuperación de sendas e camiños, transformados en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental, así coma para o desfrute da natureza a través da realización de actividades recreativas, deportivas e turísticas sustentables.

Entre os 154 sendeiros azuis recoñecidos en toda España, conformando unha rede que supera xa os 1.000 quilómetros, figura, un ano máis, a Senda do Mar Razo-Baldaio, un itinerario de 5,5 quilómetros de lonxitude que une o porto de Razo co espazo natural de Baldaio pasando polas nosas praias que ano tras ano veñen revalidando tamén a bandeira azul.

Entre os criterios que determinan a obtención do distintivo Sendeiro Azul téñense en consideración aspectos tales como as características do propio carreiro (lonxitude, trazado ou tipos de firme, entre outras); a presenza de paneis de información, sinalética e infraestruturas para a xestión dos residuos, etc; a conservación e xestión do patrimonio natural e cultural (presenza de hábitats naturais e promoción do carreiro); así como a accesibilidade, a mobilidade ou o desenvolvemento de actividades de educación ambiental.

Deja un comentario