
A iniciativa foi organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e os edís José Ramón Martínez Barbeito e Rocío López, recibiron hoxe no Concello ao rexedor do municipio caboverdiano do Tarrafal, José dos Reis, e ao concelleiro Osvaldo Chantre. O encontro encádrase no proxecto Apoio ao Desenvolvemento Económico Local do Municipio do Tarrafal, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e cofinanciado pola Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID) a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad.
Durante a súa estancia na Laracha, que se prolongou durante toda a mañá, a delegación procedente de Cabo Verde mostrou o seu interese por as boas prácticas do sector primario local, polo que xunto aos representantes municipais mantiveron unha serie de xuntanzas con profesionais relacionados coa agricultura e a gandería. Así, visitaron a Granxa O Rosal (A Pereira, Erboedo) dedicada á produción de leite de vaca e a planta de envasado de verduras e hortalizas Roberto López en Lestón. Tamén se entrevistaron con representantes das asociacións Horta do Noroeste a A Terriña.
O alcalde, José Manuel López Varela, afirmou que “para nós é unha honra recibir a representantes doutros países interesados nos modelos de xestión do sector produtivo larachés”, considerando que “esta xornada foi enriquecedora non só para os convidados caboverdianos, tamén para os representantes municipais locais e para os profesionais do sector, que puideron mostrar o seu modelo de negocio e recibir novas perspectivas sobre o desenvolvemento sostible e a innovación”. Concluíu desexando “que a estancia na Laracha fose enriquecedora” e referíndose á cooperación internacional como “unha ferramenta para o progreso mutuo que permite compartir experiencias e intercambiar coñecementos”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.