Tuesday 01 de April de 2025

O concello enche abril de propostas culturais para o públi infantil e familiar co “Mes do Libro”


A asistencia é gratuíta en todas as propostas, requiríndose inscrición previa só no obradoiro de danza e narración oral por ser as prazas limitadas.

Cada ano nestas datas o Concello promove unha ampla programación municipal baixo o título Mes do Libro dirixida a fomentar a lectura entre o público infantil en torno ao Día Internacional do Libro que se celebra o 23 de abril.
Nesta edición o programa consta de cinco eventos, con catro contacontos teatralizados -un deles musical e outro para bebés- e un obradoiro de danza e narración oral que se van realizar ao longo do mes de abril na Laracha, Paiosaco e Caión.
A primeira cita será o domingo da próxima semana, día 6 de abril, a partir das 12:00 horas no baixo da biblioteca da Laracha. Será o contacontos para bebés (nenos de 0 a 3 anos de idade) Pipo e o paxaro que non sabía voar de Trémola Teatro.
O venres 11 chegará Soraya Lema ao Centro Sociocultural de Paiosaco a partir das 18:00 horas co seu contacontos Aldara na montaña, dirixido a maiores de 5 anos.
A seguinte cita será o martes 15 na Casa da Cultura da Laracha desde as 18:00 horas con Os ourizos, o contacontos musical con monicreques de Baranfunda.
Outro contacontos, Un ronsel de Ardora, de Polo Correo do Vento e para maiores de 5 anos, é a proposta no Centro Sociocomunitario de Caión para o domingo 27 a partir das 18:00 h.
A última cita será o obradoiro de danza e narración oral Danzando coa primavera de Laura Martínez Rey. Vaise realizar o martes 29 de abril desde as 17:30 horas no baixo da biblioteca da Laracha para conmemorar nesa data o Día Internacional da Danza. Vai dirixido a nenos maiores de 3 anos de idade. É a única das actividades na que se require inscrición previa (só para empadroados) por estar as prazas limitadas. O prazo abrirá o martes 22 de abril.
Na organización do programa do Mes do Libro o Concello conta coa colaboración da Dirección xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia no marco do programa de dinamización da lectura Ler conta moito para a Rede de Bibliotecas de Galicia, da Consellería do Mar a través do GALP Costa da Morte e da Deputación da Coruña.

Deja un comentario