
O sector do turismo e representantes de entidades cidadás coñeceron hoxe de primeira man o borrador desta nova ordenanza fiscal nunha reunión que a concelleira de Turismo cualificou como “moi produtiva e moi necesaria para poder seguir no camiño de facer realidade este imposto sobre estadías turísticas”.
Representantes de asociacións empresariais, colectivos profesionais, partidos políticos, sindicatos e asociacións culturais e veciñais, coñeceron esta mañá de primeira man o borrador da Ordenanza fiscal reguladora da recarga municipal sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas e os principais criterios para crear o Foro de Turismo Sustentable, que será o novo órgano de participación e gobernanza en materia turística.
A xuntanza, que contou coa participación da concelleira de Turismo, Míriam Louzao, e do concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César, tiña por obxectivo recoller opinións e suxestións das entidades participantes, que principalmente se centraron en cuestións relacionadas coa forma de cobro da mencionada recarga por parte dos establecementos de aloxamento turístico e co destino dos fondos recadados e a súa repercusión tanto para a veciñanza como para o sector turístico.
Neste sentido, a concelleira de Turismo asegurou que “foi unha reunión moi produtiva e moi necesaria” e avanzou que a intención do Concello e continuar no camiño de facer realidade esta recarga o antes posible e, que atendendo aos prazos administrativos propios na tramitación dunha norma deste tipo, se está traballando coa previsión de ter a recarga operativa este verán.
Pola súa banda, o concelleiro de Facenda explicou que o documento que se presentou esta maña, aínda sendo un borrador “está xa moi traballado pola Tesouraría do Concello”, polo que en canto finalice o período de consulta previa e se incorporen as suxestións que procedan, se continuará co procedemento para levar a ordenanza a aprobación plenaria.
Míriam Louzao lembrou ademais que tanto para a ordenanza fiscal como o Foro de Turismo Sustentable están abertas as consultas previas no portal web do Concello ata o día 7 de abril, e que a xuntanza desta mañá incrementa as canles de participación que a normativa esixe.
En relación á creación do Foro de Turismo Sustentable, a concelleira de Turismo explicou que se concibe como un espazo de diálogo, colaboración e asesoramento da política turística municipal en xeral, entre cuxas funcións se incluirán tamén as relativas ao destino da recarga municipal sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas.
Este Foro, con respecto ao Consello Municipal de Turismo, incrementará o número de membros e variará as funcións e a periodicidade, de xeito que se constitúa nun Foro estable, cun funcionamento regrado e con carácter consultivo e de asesoramento nas políticas municipais relativas a turismo, dando cabida a un abano amplo de axentes de todo o concello.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.