
A medida permitirá unha contratación máis eficiente da electricidade en alta e baixa tensión, aforrando miles de euros ás arcas municipais
O Concello de Laxe vén de iniciar o procedemento para adherirse ao convenio da FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) para a contratación do subministro de electricidade en alta e baixa tensión a través da súa Central de Contratación. A decisión, promovida polo equipo de goberno que lidera o alcalde D. Francisco Charlín Oróns, permitirá obter mellores condicións económicas
no contrato da luz e unha importante redución do gasto enerxético municipal.
Este procedemento realizarase mediante a fórmula do acordo marco, un sistema que garante prezos máis competitivos e unha contratación máis áxil, cumprindo coa normativa vixente de contratación pública (Lei 9/2017, de Contratos do Sector Público). A duración inicial do acordo é dun ano, prorrogable ata un máximo de catro anos, e permitirá ao Concello beneficiarse das mellores ofertas dispoñibles grazas á licitación realizada pola FEMP en beneficio das entidades locais asociadas.
O importe anual estimado do contrato sen IVE ascende a 185.950,41 euros, sendo o IVE correspondente 39.049,59 euros. A execución do contrato basearase nos pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas establecidos pola Central de Contratación.
Con esta medida, o goberno municipal segue avanzando cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos recursos públicos, priorizando o aforro económico e a modernización dos servizos municipais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.