
— Entre os 17 espectáculos que compiten como finalistas, atópanse a produción propia do Centro Dramático Galego ‘Os actos e as profecías’ e a coprodución ‘Nada se sabe’ con Culturactiva
— A compañía Sarabela Teatro conducirá a gala na que se homenaxearán os diferentes oficios escénicos
A cidade da Coruña acollerá o vindeiro xoves 3 de abril a cerimonia de entrega dos XXIX Premios María Casares de Teatro, que congregará no Teatro Rosalía Castro unha ampla representación do sector escénico galego. A Xunta renova un ano máis a súa colaboración económica coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia para a organización destes galardóns, destinados a poñer en valor os mellores traballos do teatro galego durante 2024.
Así o expresou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, durante a súa intervención na presentación da gala, da que destacou o seu valor á hora de proxectar cara á sociedade a calidade e variedade da actual produción teatral galega. O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou os 17 espectáculos que compiten como finalistas nas 16 categorías convocadas, entre os que se referiu especialmente ás candidaturas de montaxes producidas ou promovidas polo Centro Dramático Galego.
En concreto, a produción propia Os actos e as profecías suma catro finalistas –Tamara Canosa en dirección, José Faro “Coti” en espazo escénico e Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay en vestiario e en maquillaxe–, mentres que a coprodución con Culturactiva Nada se sabe tamén compite no apartado de mellor vestiario polo traballo de La Canalla.
Homenaxe á profesión escénica
Con dirección e dramaturxia de Fernando Dacosta, a compañía Sarabela Teatro será a encargada de conducir a gala desta 29ª edición, que tomará como referencia o concepto clásico das compañías ambulantes reflectido no cartel deste ano para poñer o foco nos diferentes oficios profesionais que conforman o feito teatral. O elenco estará integrado por Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira.
Ademais, no transcurso do evento renderáselle homenaxe ao actor Xabier Deive, falecido en xullo do ano pasado, coa entrega a título póstumo do Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, do que foi presidente entre 2019 e 2021.
A cerimonia de entrega poderá seguirse en directo, desde as 20,30 h., a través da canle de YouTube dos premios.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.