
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a gala, na que compiten un total de 17 obras nas 16 categorías dos galardóns
Os XXIX Premios de Teatro María Casares entregaranse o próximo xoves, 3 de abril, no Teatro Rosalía de Castro a partir das 20.30 horas. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a gala xunto a Fernando Dacosta, director desta edición, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e Arantza Villar, presidenta de AAAG.
A gala de entrega renderá tributo aos diferentes oficios que conforman o mundo do teatro a través dun concepto que reflicte a vida itinerante dos e das artistas: as compañías de teatro de furgoneta. “Desde o Goberno de Inés Rey temos unha sensibilidade especial polo teatro e a dramaturxia, por iso contamos na cidade con ciclos de gran prestixio como o Principal, do Rosalía, que esta fin de semana terá tres cheos consecutivos coa obra ‘1936’”, indicou Castro.
A imaxe da furgoneta, que protagoniza o cartel desta 29ª edición dos Premios María Casares asinado por Sonia García, ilustra dende a contemporaneidade o concepto clásico das compañías ambulantes e dos cómicos e cómicas da legua.
O equipo artístico
Dacosta dirixirá un elenco formado por seis actores da compañía Sarabela Teatro: Elena Seijo, Sabela Gago, Belén Constenla, Josito Porto, Fernando González e Víctor Mosqueira. Vadim Yuknevich encargarase da música, mentres que o vestiario correrá a cargo de Tegra e Lele. José Bayón e Rubén Dobaño encargaranse as tarefas de iluminación e son, e Héctor Martínez exercerá como auxiliar de dirección. Marta Horjales asume a produción executiva dos Premios María Casares. A gala poderase seguir a través da canle de Youtube dos Premios María Casares (https://www.youtube.com/c/premiosdeteatromariacasares) a partir das 20.30 horas.
Lembranza a Xabier Deive
O acto Xabier Deive, falecido en xullo do ano pasado, recibirá a título póstumo o Premio de Honra Marisa Soto para celebrar a súa traxectoria. Deive, un rostro ben coñecido para o público galego, antes de iniciar a súa traxectoria como actor, exerceu como técnico e coñeceu á perfección os estamentos do sector teatral. Ademais foi o presidente da AAAG entre 2019 e 2021, anos especialmente complexos para o oficio por mor da pandemia. Durante a gala, tamén se lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro que neste 2025 asina a xornalista Belén Regueira, decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
17 espectáculos finalistas
Neste 2025, un total de 17 espectáculos aspiran a conquistar os Premios María Casares. Sarabela Teatro, precisamente, optará a 14 galardóns (entre eles dirección, espectáculo, dirección ou as catro categorías de interpretación) pola obra ‘O dragón de ouro’. ButacaZero e a súa obra ‘Iribarne’ aspira a 12 premios (entre eles, espectáculo, dirección, texto orixinal, actor protagonista, actriz protagonista ou actriz secundaria). Estas dúas obras competirán polo premio a mellor espectáculo xunto a ‘Go Home’, de Etiqueta Negra.
‘Os actos e as profecías’, obra coa que o Centro Dramático celebrou o seu corenta aniversario, pelexará en catro categorías como tamén o fará en idéntico número de apartados ‘As gardiás ou o nó do tecelán’, montaxe coa que regresou Teatro de Ningures á produción escénica. Cinco pezas aspiran a dous premios: ‘Monstros’, de Producións Teatráis Excéntricas; ‘O mundo está roto pero pódese camiñar’, de Contraproducións; ‘Eu, fraude!’, de Paula Pier; ‘Non pasarán’ e ‘PUM! PUM! Quen hai?’, as dúas de Ártika Cía.
‘Nada se sabe’, coprodución de Culturactiva co Centro Dramático Galego, aspira a un galardón, como tamén ‘Apaga o Candil’, de Contraproducións; ‘Sobre o extravío ou a arte de perderse’, de Furia Sotelo e ‘Rogelio III (La fête)’, de Assircópatas, que se disputará o premio ao mellor espectáculo infantil cos xa citados ‘Monstros’, ‘O mundo está roto pero pódese camiñar’ e ‘Pum! Pum! Quen hai?’.
Por último, tres obras son finalistas no apartado de espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas: ‘Os contos do Lobicán’, de Redrum Teatro; ‘Moby Dick’, de Pedras de Cartón, e ‘Gaia Baba, a meiga’, de Nauta Teatro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.