
O novo goberno municipal consegue, en apenas cinco meses, aprobar unhas contas de máis de 4,8 millóns de euros que permitirán recuperar servizos básicos, saldar débedas pendentes e garantir estabilidade económica.
O Pleno do Concello de Muxía aprobou onte o orzamento xeral para o exercicio 2025, que ascende a 4.862.253,12 euros. Trátase dun paso clave para o futuro do municipio, xa que estas contas permitirán recuperar servizos esenciais e poñer fin a anos de bloqueo económico e administrativo.
Entre as actuacións máis destacadas que se poderán levar a cabo grazas a este orzamento inclúense a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o contrato de recollida do lixo e a posta en marcha de distintas medidas de estabilización económica.
No mesmo pleno tamén se aprobou un suplemento de crédito por importe de 150.000 euros, destinado ao pago de facturas atrasadas, moitas delas correspondentes á etapa do anterior alcalde socialista. Con esta medida, o novo goberno municipal continúa avanzando na normalización económica do Concello e na responsabilidade na xestión pública.
Resumo do orzamento 2025:
- Gastos totais: 4.862.253,12 €
o Persoal: 1.711.027,09 €
o Bens correntes e servizos: 2.562.105,00 €
o Investimentos reais: 378.846,03 €
o Transferencias correntes: 165.775,00 €
o Outros (financeiros, continxencias, activos): 44.500,00 €
- Previsión de ingresos:
o Transferencias doutras administracións: 2.548.008,04 €
o Impostos directos: 1.432.800,00 €
o Taxas e outros ingresos: 472.500,00 €
o Outros ingresos: 408.945,08 €
Resultados das votacións:
- Orzamentos municipais: Aprobados cos votos a favor de Independentes por Muxía (IxM), Partido Popular (PP) e Bloque Nacionalista Galego (BNG). O PSdeG-PSOE votou en contra.
- Suplemento de crédito de 150.000 euros: Aprobado cos votos favorables de IxM e PP. O BNG abstívose e o PSdeG-PSOE votou en contra.
Desde o goberno local destacan que esta aprobación supón un punto de inflexión para a xestión municipal, xa que en apenas cinco meses logrouse desbloquear unha situación herdada e poñer as bases dunha administración máis eficiente, ordenada e orientada ao benestar da veciñanza.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.