
Tamén houbo acordo dos tres grupos municipais para a aprobación provisional da nova ordenanza fiscal xeral de xestión, inspección e recadación de tributos.
No Pleno ordinario celebrado hoxe os tres grupos municipais aprobaron por unanimidade todos os puntos que compoñían a Orde do Día.
Como é costume na Laracha, a sesión comezou gardándose un minuto de silencio polas seis mulleres vítimas da violencia de xénero no que vai de ano no conxunto de España.
Inmersos nos asuntos elevados ao Pleno polo Goberno Local, aprobouse a proposta para solicitar a UNICEF o inicio dos trámites para que o Concello da Laracha obteña o recoñecemento de “Cidade Amiga da Infancia”. No pasado mes de novembro UNICEF outorgara á Laracha a condición de candidata a ese recoñecemento, que era transitoria e encamiñada a que o Concello avanzase na implementación do Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA), como así se está a facer. A obtención da distinción como “Cidade Amiga da Infancia” suporía o respaldo de UNICEF ás boas prácticas municipais que se levan a cabo na Laracha e un aliciente para o desenvolvemento, a mellora continua e a innovación das políticas locais dirixidas á infancia e á adolescencia.
Outro dos asuntos importantes abordados no Pleno foi a aprobación provisional da nova ordenanza fiscal xeral de xestión, inspección e recadación dos tributos e outros ingresos de dereito público local que dotará ao Concello dun marco normativo máis claro e eficiente en materia tributaria. A nova ordenanza será beneficiosa tanto para a administración, porque simplificará determinados trámites e unificará normativas (domicilio fiscal, réxime de notificacións, certificados, beneficios fiscais, etc.), como para os cidadáns, xa que regulará aspectos como novos medios de pagamento máis acordes á realidade actual e establecerá posibilidade de aprazamentos e fraccionamentos nos abonos actualmente inexistentes.
O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que se trata dunha “ordenanza tipo” coa que o Concello “dá pasos importantes para habilitar novas formas de pago e o fraccionamento dos tributos municipais”, ademais de regular “aspectos que non estaban recollidos en ningunha outra ordenanza específica”.
Tamén foron aprobadas dúas mocións, unha rexeitando a quita da débeda das comunidades autónomas proposta polo Goberno de España e solicitando un financiamento xusto e solidario entre comunidades autónomas e entidades locais, e outra sobre o déficit de médicos na atención primaria na que se solicita axilizar o procedemento de homologación dos títulos dos profesionais sanitarios e incorporar de maneira inmediata as novas prazas acreditadas á oferta formativa de especialistas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.