
Hoxe recibimos no Concello de San Sadurniño ao bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, quen continúa percorrendo a súa diocese para coñecer de preto a realidade dos municipios que a integran.
No encontro -no que tamén participaron o párroco de San Sadurniño, Javier Santiago Sanmartín, e a concelleira de Participación veciñal e Axenda 2030, Raquel Piñeiro- abordáronse temas de gran interese para o Concello e para a diocese, como o problema do acceso á vivenda, a situación sociopolítica actual ou o valioso patrimonio arquitectónico e cultural ligado á Igrexa que existe no noso municipio.
O rexedor municipal agradeceulle ao bispo a súa visita e destacou o “bo entendemento e a relación cordial” que existe coa diocese e cos representantes pastorais das parroquias de San Sadurniño. Secundino García tamén lle reiterou o compromiso municipal de seguir “mantendo un diálogo fluído e unha estreita colaboración naqueles temas compartidos, sexan do tipo que sexan, que poidan redundar en melloras para a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.
O rexedor agasallou a García Cardiñanos con sete láminas das igrexas de San Sadurniño, reproducidas das acuarelas orixinais pintadas pola ilustradora Blanca Escrigas. De feito, o bispo é o persoeiro que primeiro recibe este novo detalle institucional.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.