
O Pleno da Corporación municipal de Santiago, cos votos a favor de BNG, Compostela Aberta e Grupo Socialista, acadou un acordo co fin de manter o uso terciario das plantas baixas nos principais eixos e zonas comerciais da cidade. Os grupos políticos municipais tamén aprobaron por unanimidade o convenio entre os Concellos de Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra e a Deputación da Coruña para regular o proxecto do Parque Compostela Rupestre, e a creación da Comisión de estudo para analizar a forma máis sustentable e eficiente de xestionar os aparcadoiros da praza de Galicia e da praza de Vigo.
A proposta aprobada hoxe polo Pleno municipal pretende protexer o comercio de proximidade e garantir a dispoñibilidade de espazos para a apertura de novos negocios evitando a aplicación, en determinados ámbitos, do artigo 76 da Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas (coñecida como lei de acompañamento) sobre o cambio de uso de locais comerciais a vivenda.
Concretamente, o acordo permite seguir aplicando a regulación de usos do Concello no ámbito das ordenanzas 1, 2, 3, 4, 7 e 9A do PXOM e no ámbito do Plan especial da cidade histórica (PE-1). A posibilidade de adoptar este acordo está prevista no propio artigo 76 da Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas. No resto do municipio, incluídos os ámbitos dos plans parciais desenvolvidos nas décadas de 1990 e 2000, aplicarase integramente o establecido nese artigo da lei autonómica. Pode consultarse a cartografía coa regulación de usos vixente no Xeoportal no seguinte enlace: https://xeoportal.santiagodecompostela.gal/Visor/#/RegulacionUsos?lang=gl .
“O comercio de proximidade é esencial para a calidade de vida e para que as cidades funcionen adecuadamente. Os barrios deben ter usos diversos e ten que haber espazos dispoñibles a prezos razoables para as persoas que queiran emprender un negocio”, defendeu o concelleiro, quen rexeitou “nun país con tantas vivendas infrautilizadas, sacrificar locais comerciais para ampliar a oferta residencial”. Iago Lestegás explicou que o Concello de Santiago “xa ten unha regulación de usos, baseada en análises moi recentes, que define en que ámbitos da cidade é necesario manter o carácter terciario das plantas baixas para garantir a diversidade de usos e preservar a vitalidade urbana”. “Non tería sentido desbotala agora”, enfatizou.
Iago Lestegás defendeu que este Goberno “utilice o planeamento urbanístico e as competencias municipais para ordenar os usos na cidade, para garantir que os barrios teñan usos diversos e para protexer o comercio de proximidade que nos proporciona bens e servizos esenciais para o noso día a día”. Para todo isto existe o planeamento urbanístico e temos que utilizalo e non varrelo a través dunha lei de acompañamento dos orzamentos.
O acordo aprobado no Pleno supón a non aplicación do artigo 76 da Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas en determinados ámbitos e supostos: no ámbito das ordenanzas 1, 2, 3, 4, 7 e 9A do PXOM, cando a normativa urbanística non permita o uso de vivenda no local; e na cidade histórica, cando a normativa do Plan especial non permita o uso de vivenda no local ou cando o cambio de uso terciario a vivenda estea afectado por algunha medida de suspensión, como é o caso, na actualidade, de certos ámbitos da cidade histórica.
No ámbito do planeamento, o Pleno tamén deu luz verde por unanimidade á aprobación provisional da modificación puntual do PXOM para a fixación de aliñacións no núcleo de Codesedas.
Parque Compostela Rupestre
O Pleno municipal tamén aprobou por unanimidade o convenio marco polo que se establecen as bases de cooperación entre a Deputación da Coruña e os Concellos de Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra para regular o proxecto do Parque Compostela Rupestre.
Con este convenio establécese unha comunidade intermunicipal de servizos consorciados, integrada polos concellos anteditos e a Deputación que permitirá regular a xestión compartida deste proxecto. O obxectivo é poñer en valor este patrimonio arqueolóxico conxunto e achegar á cidadanía unha das áreas máis importantes na arte rupestre de Galicia.
Para a súa posta en marcha deberá elaborarse unha memoria e un plan de actuación que incluirá un plan director, un estudo económico-financeiro e un estudo técnico-organizativo interno, así como os detalles referentes á xestión de cada unha das accións, contratos ou servizos e as formas de seguimento do convenio. Para cada unha dos servizos de xestión compartida tamén será necesario aprobar unha memoria e programa de actuación, así como as ordenanzas reguladoras de taxas ou de prezos públicos. No caso de actuacións desenvolvidas pola Deputación, cada un dos concellos deberá adoptar un acordo de delegación, seguindo o establecido pola lei.
Segundo se recolle no convenio, as actuacións poderán ser desenvolvidas por cada un dos concellos nos seus diferentes ámbitos de competencia municipal: fomento de actividades económicas e emprego, fomento do turismo, servizos educativos, actividades recreativas e culturais, actividades deportivas, conservación de vías e espazos públicos…Tamén se poderá acordar a realización de actividades conxuntas relativas á paisaxe e medio ambiente, a conservación, defensa e posta en valor do patrimonio cultural, normalización lingüística e outras que se consideren de interese público local.
A xestión compartida do proxecto estará conducida por un Consello de dirección que realizará as funcións de seguimento do convenio e dos acordos adoptados e estará formado por dous/dúas representantes de cada un dos concellos, sendo un deles a alcaldía ou concelleira/o no que delegue, e dous/dúas representantes da Deputación da Coruña. A presidencia do órgano será de carácter anual rotatorio, comezando polo de menor poboación dos partícipes.
Comisión sobre os aparcadoiros
O Pleno tamén aprobou hoxe, por unanimidade, a creación da Comisión de estudo para analizar a forma máis sustentable e eficiente de xestionar os aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo. Este órgano estará presidido pola alcaldesa ou integrante da Corporación en quen delegue; e del farán parte representantes dos diferentes grupos municipais, que terán dereito a voto ponderado. Tamén integrarán a comisión, con voz pero sen voto, o secretario xeral do Pleno, a dirección da asesoría xurídica, o interventor municipal, o xerente de TUSSA, e a directora da Área de Sustentabilidade e Servizos Básicos. Ademais, o órgano poderá acordar o asesoramento que considere.
A concesión do aparcamento da Praza de Galicia, aprobada por 50 anos, finalizará o 7 de xullo e, tal e como se recolle no contrato, ao finalizar ese prazo a totalidade de obras e instalacións do servizo reverterán no Concello libres de toda carga ou gravame. En canto ao aparcamento da Praza de Galicia, o contrato de concesión, por 40 anos, finalizará o 30 de outubro de 2026.
Outros asuntos
Na sesión plenaria desta mañá tamén se aprobou por unanimidade as proposicións presentadas polo grupo municipal do PP para que se coñeza o modelo de xestión da Praza de Abastos que quere o goberno local e as medidas para revitalizar ese espazo e outra para solicitar maior atención sobre o coidado do cartel de benvida a “Santiago”, que figura no Camiño Francés en San Lázaro e para a instalación de nova sinalización de “Santiago” no resto dos camiños e de mellora da sinalización dos principais monumentos da cidade. Tamén se aprobou a presentada polo grupo socialista relativa á situación da xestión do parque deportivo de Sar e do complexo deportivo de Santa Isabel e sobre a construcción dun novo equipamento en Santa Marta.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.