
Participa en representación dos alcaldes europeos no foro “Pact4Future” organizado pola Universidade Bocconi de Milán e Il Corriere della Sera
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey participou esta tarde en Milán no foro “Pact4Future” en representación dos alcaldes europeos como membro do Comité das Rexións nunha mesa redonda sobre desenvolvemento sostible xunto co alcalde da cidade canadense de Kitchener, Berry Vrbanovic e Fabrizio Rossi, secretario xeral do Consello dos municipios e rexións de Europa.
Rey tivo a oportunidade de presentar as políticas innovadoras en materia de sostibilidade que está a desenvolver na cidade destacando Bici Coruña, como caso de éxito de cambio da forma de mobilidade na cidade e de redución de emisións, e as peonalizacións, poñendo en valor que a día de hoxe “o 90% do centro da cidade xa é camiñable de forma segura e amable para as persoas”.
Respecto ás reticencias que pode supoñer un cambio de modelo como o que está a poñer en marcha na cidade, a alcaldesa puxo de manifesto que é a propia cidade a través da súa veciñanza e comerciantes a que empeza a demandar as peonalizacións polos beneficios que estas teñen dende o punto de vista económico para o comercio local, para incrementar a vida comunitaria e o estado físico e mental das persoas e por suposto dende a perspectiva medioambiental.
A alcaldesa subliñou a enorme oportunidade que se abre agora para a cidade de definir o futuro da cidade co proxecto de integración porto-cidade e puxo de manifesto o seu compromiso de desenvolvelo baixo criterios de sostibilidade que poñan as persoas no centro das actuacións. Rey destacou os beneficios para a cidadanía de contar con maior espazos públicos comúns e o consenso administrativo e social en que a apertura do porto á cidade mellorará significativamente a calidade de vida dos e das coruñesas.
Pact4Future
Este foro organizado anualmente pola Universidade Bocconi de Milán e o medio Il Corriere della Sera conta con 2.000 participantes presenciais e 800.000 persoas espectadoras en liña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.