
O encontro desenvolverase este domingo no centro cívico da vila
Un centenar de veciñas participarán este domingo na segunda Xuntanza de mulleres de Neda, organizada polo Concello. O evento, que pon o broche de ouro á programación municipal do 8M, servirá para recoñecer o labor desenvolvido pola Asociación de mulleres Val do Belelle durante case dúas décadas.
A entidade leva dende o ano 2007 traballando a prol da dinamización sociocomunitaria da localidade dende o Roxal. Ao longo destes 18 anos, a entidade, incorporada a Fademur Galicia, ten promovido actividades de todo tipo: manualidades, bordado, pintura, bolillos, cursiños de arte floral, exposicións, excursións…
Con todo, o fundamental é que ten convertido a súa sede (a antiga escola unitaria do lugar) nun punto de encontro habitual para moitas veciñas da zona. Preto dunha vintena acode con asiduidade para realizar labores- cada quen o que lle gusta- ao tempo que comparten vivencias e tecen amizades.
O Concello confía en que recoñecemento sirva ademais para achegar ás novas xeracións e garantir o ansiado relevo xeracional na entidade, que durante toda a súa traxectoria estivo liderada, coa axuda doutras compañeiras, por Teresa Paz, actual presidenta; María Lamas, actual vicepresidenta, e Mº del Carmen Franco, secretaria.
A Xuntanza de mulleres de Neda, que busca reivindicar a importancia de que as veciñas dispoñan de máis tempo propio para o lecer, desenvolverase no centro cívico de Neda, incluíndo, ademais do xantar, música en directo.
Pecharase así a programación do “Mes da muller”, que contou coa colaboración do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, que incluíu o ciclo escolar “Rompendo moldes”, talleres de micromachismos, distintas actividades culturais e a andaina pola igualdade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.