Logo de que o gasto en alugueiros baixase case nun 30%, afirma que a Administración autonómica aspira a reducir esta partida orzamentaria noutro 76%, camiñando cara a unha política de alugueiros cero
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante a rolda de prensa do Consello, que o Plan de aforro en alugueiros para 2016 e 2017 permitirá o aproveitamento ao máximo do patrimonio da Xunta e un aforro anual de máis de 5,5 millóns de euros.
Logo de precisar que esta iniciativa vén a dar continuidade ao traballo feito neste ámbito no período 2009-2015, co obxectivo prioritario da redución no gasto en alugueiros, Feijóo afirmou que se trata dun plan ambicioso, xa que se o gasto en alugueiros baixou case un 30% nos últimos anos, agora a Administración autonómica aspira a reducir esta partida orzamentaria noutro 76%, camiñando cara a unha política de alugueiros cero.
“Estamos a falar de acadar un aforro anual de máis de 5,5 millóns de euros, que se utilizarán na mellora de espazos que xa son propiedade da Xunta”, dixo, ao que engadiu que este plan incide na concentración de espazos administrativos, na unificación da imaxe corporativa dos espazos pertencentes a Administración, e na implantación dunha xestión integral e unificada do patrimonio da Xunta.
“Trátase, en definitiva de aproveitar ao máximo o que temos, de sacarlle o máximo rendemento ao patrimonio inmobiliario da Xunta e de seguir a traballar por unha Administración máis útil para os cidadáns”, afirmou, incidindo en que o obxectivo é ir cara a unha política de alugueiro cero e investir o aforrado en edificios propiedade da Xunta. “Polo tanto máis aforro, máis espazo e maior investimento que xera, sen dúbida, emprego”, abundou.
Feijóo afirmou que o plan actuará nas cidades onde hai unha maior concentración de servizos públicos. “Concretamente imos presentar proxectos para Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ourense e Santiago, e en Ferrol tamén estamos estudando algúns espazos que a medio prazo poden quedar baleiros”, precisou.
O titular da Xunta lembrou que o antecedente máis próximo desta decisión, e que abriu esta nova política patrimonial, foi a de ubicar a Cidade da Xustiza no edificio do antigo Hospital Xeral.