
A praia de Razo acollerá tamén a estudantes doutros concellos da provincia e tamén a un proxecto universitario internacional
Volve o proxecto Aprende a través do surfing, unha iniciativa promovida pola Federación Española de Surfing coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Carballo que pretende achegar este deporte, pero tamén o coñecemento da cultura oceánica e da biodiversidade do litoral carballés, a máis de 450 escolares de primaria e secundaria.
O Concello de Carballo participa por quinto ano consecutivo neste proxecto, que favorece que as nenas e nenos de Carballo aprendan sobre medio ambiente, integración social, protección da natureza, deporte e benestar, todo a través do surf.
Hoxe mesmo arrincou a iniciativa nos centros de primaria Gándara-Sofán, A Cristina e Nétoma-Razo, cun total de 338 prazas. As sesións nos propios colexios desenvolveranse ata o 4 de abril, e posteriormente realizaranse os desprazamentos á praia. O Concello de Carballo subvenciona esta actividade, que imparte Boaola Surf Escola, e tamén se realizarán co apoio municipal dúas xornadas de surf adaptado coa agrupación Un paso máis, con monitorado da escola Paua Surf.
Este ano hai cen prazas para alumnado dos institutos Monte Neme e Isidro Parga Pondal, neste caso coa colaboración de Xogade e dos propios centros. As actividades, pendentes de data, serán impartidas por Art Surfcamp.
A maiores, o proxecto Aprende a través do surfing permitirá que realicen actividades na praia de Razo alumnos e alumnas de centros educativos de Santa Comba, Negreira e Zas, así coma estudantes universitarios/as do proxecto internacional Semester at the sea.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.