Monday 31 de March de 2025

O único corte de tráfico previsto durante a obra dos Cantóns durará cinco semanas e dará comezo o martes 1 de abril entre Correos e o Teatro Rosalía


A partir do martes porase en marcha o dispositivo especial de mobilidade pola avenida do Porto, que será a ruta por onde circularán as liñas de transporte urbano, con novas paradas provisionais

O único corte de tráfico previsto durante os 20 meses de obra de remodelación dos Cantóns terá unha duración de cinco semanas, comezará o 1 de abril e afectará ao tramo entre Correos e o Teatro Rosalía de Castro. As afeccións ao tráfico serán mínimas porque a Mariña xa é unha zona de tráfico restrinxido. As actuacións consistirán na substitución do asfalto existente por un firme de formigón en liña coa nova estética da zona, unha actuación que só se pode levar a cabo cun corte total do tráfico para permitir a disposición e fraguado da lousa.
Todos os detalles do proxecto das obras nos Cantóns fóronlles expostos hoxe ás asociacións veciñais, comerciais e hostaleiras nun encontro informativo que tivo lugar esta mañá no Palacio Municipal de María Pita, onde o concelleiro José Manuel Lage e a concelleira Noemí Díaz, acompañados por persoal técnico municipal e tamén da dirección da obra, deron conta da folla de ruta prevista polo Goberno de Inés Rey para as vindeiras semanas.

A concelleira e o concelleiro escoitaron as preguntas plantexadas polas entidades e deron resposta a todas elas. Noemí Díaz aclarou que salvo o corte que agora comeza, non haberá novos cortes totais de tráfico en ningún momento. Cando rematen as obras non haberá cambios con respecto ao tráfico actual, e os vehículos seguirán podendo acceder ata a altura da Autoridade Portuaria, se ben agárdase que exista un tráfico residual no primeiro tramo (desde a praza de Mina), xa que ademais das persoas residentes, o único paso de turismos que se agarda é o das persoas usuarias do aparcamento subterráneo, ao non haber máis saída co peche de Entrexardíns.

Ademais, Díaz explicou outros detalles da obra, como a instalación prevista dun ascensor que dea acceso ao párking e que garanta a accesibilidade a un aparcamento que ata agora carecía dese servizo.
A carga e descarga para o comercio poderá facerse con normalidade ao non estar previsto ningún corte total de tráfico máis alá do que comeza o 1 de abril. Na reunión explicouse tamén que as actuacións comezarán desde a Mariña e irán avanzando progresivamente cara a praza de Mina.

Desvío das paradas de transporte urbano á avenida do Porto

A previsión do Concello é que a renovación parcial do firme na avenida da Mariña se complete en cinco semanas, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables para desenvolver as actuacións. En todo caso, para concretar as melloras na avenida será preciso cortala ao tráfico rodado durante ese prazo, no que as liñas de transporte urbano que pasan pola Mariña circularán pola avenida do Porto, onde se situarán as novas paradas provisionais.

Este percorrido alternativo pola avenida do Porto será o que seguirán as liñas 1, 1-A, 2, 2-A, 3, 5, 7, 17, 23 e 23-A —que habitualmente circulan en sentido de ida ao Parrote—, e tamén a 3-A en dirección de volta á praza de Ourense. Haberá paradas provisionais na avenida do Porto á altura dos edificios da Terraza e o Palexco.

No referente ás liñas con cabeceira na parada do Hospital Abente y Lago trasladaranse á parada do Castelo de San Antón, na antiga plataforma das Ánimas.

Un mapa dixital para consultar as incidencias de mobilidade

Co obxectivo de solucionar as dúbidas da cidadanía no contexto das obras dos Cantóns, o Concello habilitou un mapa dixital, adaptado a dispositivos móbiles, no que todas as persoas interesadas poderán consultar as incidencias de mobilidade segundo avance o plan de traballos nas súas diversas fases.
O mapa, xa aberto e visible na páxina web do Concello, indica os espazos afectados polas obras que arrincarán o vindeiro 1 de abril, as afectacións ao servizo de transporte urbano e tamén as novas paradas provisionais das liñas que habitualmente circulan pola avenida da Mariña e que pasarán, no vindeiro mes, a facelo pola avenida do Porto.
Toda a información sobre as obras nos Cantóns pode consultarse en coruna.gal/cantons.

Deja un comentario