Monday 31 de March de 2025

Dúas grandes competicións de ximnasia artística e rítmica encherán os espazos deportivos municipais esta fin de semana


O Palacio dos Deportes acollerá a terceira fase da Liga Ibérica de ximnasia artística feminina e o polideportivo do Barrio das Flores a primeira fase da Liga Provincial de ximnasia rítmica

A Coruña e os seus espazos deportivos municipais acollerán esta fin de semana dúas competicións de ximnasia artística e rítmica, que suporán a presenza de máis dun millar de persoas entre participantes e organizadores. “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos amosando que a nosa cidade é todo un referente para acoller eventos deportivos de todos os niveis, pois contamos con instalacións de máximo nivel para calquera tipo de deporte”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.

Esta fin de semana celebrarase a terceira fase da Liga Ibérica de ximnasia artística feminina, unha das competicións por equipos máis relevantes de ximnasia artística feminina do panorama nacional. A Liga consta de tres xornadas puntuables máis unha final. As dúas primeiras fases celebráronse en Vila-real e Onda. Nesta última celebrada o pasado mes de xaneiro, o equipo local do club Ximnasia Coruña conseguiu alzarse co terceiro posto na categoría División B.
A Liga divídese en 4 categorías na que os diferentes equipos compiten co obxectivo de entrar na final á que acceden os 8 primeiros clasificados de cada categoría. A final terá lugar o 7 e 8 de xuño en Pozuelo, Madrid. Serán un total de 480 ximnastas as que compitan esta fin de semana no Palacio dos Deportes de Riazor desde as 9.00 da mañá do sábado ata as 14.00 horas do domingo. Valencia, Cataluña, Madrid, Extremadura, Aragón e Galicia son as Comunidades representadas polos diferentes clubs participantes.
O evento está organizado pola Liga Ibérica e o club Ximnasia Coruña e conta coa colaboración do Concello da Coruña. Esta é a segunda vez que A Coruña é sede desta competición nacional por equipos xa que foi o 19 e 20 de xaneiro de 2019 cando a cidade acolleu por primeira vez a segunda fase desta liga de ximnasia.

O Barrio das Flores acolle a 672 ximnastas

Por outra banda, este sábado celebrarase a primeira fase da Liga Provincial de ximnasia rítmica dos niveis escolar, promoción e prebase no polideportivo municipal do Barrio das Flores, coa presenza de 672 ximnastas confirmada.

Ás 09:30 da mañá terá lugar a apertura de portas para o público e a competición iniciarase ás 10:00h. coas categorías escolar: iniciación, alevín, infantil e senior e as categorías individual promoción: prebenxamín, benxamín e cadete. Ás 12:10 será a quenda das categorías escolar: prebenxamín, benxamín e cadete e as categorías individual promoción: infantil, xuvenil e máster-adultos. De tarde reanudarase a competición ás 15:45 con finalización ás 19:30h.
Na primeira quenda de tarde participarán as categorías individual promoción: alevín e as categorías conxuntos promoción: prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, mentres que a partir das 18:00 da tarde será a quenda das categorías individual e conxuntos prebase: benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil.

Participarán os seguintes clubs: Rítmica coruña, Ximnasia Rítmica Abegondo, Colexio Internacional Obradoiro, Esquío, Compañía de María, Ximnasia Rítmica Compostela, Viravolta Santiago, CDR As Pontes, Club Squadra Boqueixón, Rítmica Ausarta, Acordes, Rítmica Carballo, Ximnasia Oleiros Rítmica e Estética, Acordes Pontedeume, Club Ausarta Bergondo, Club Rítmica Milenium, La Salle Santiago, Pangea, Ximnasia Rítmica Abegondo, Ximnasia Ames, Ximnasia Rítmica Carral, María Barbeito.
A competición está organizada pola Federación Galega de Ximnasia, o club María Barbeito e o club Rítmica Coruña, coa colaboración do Concello da Coruña e enmárcase dentro do calendario oficial da Federación Galega de Ximnasia.

Deja un comentario