
Os encontros, abertos a toda a sociedade, continuarán a vindeira semana con tres talleres sobre equipamento e usos; actividades portuarias; e ecoloxía, medio ambiente, auga e enerxía
A Comisión Coruña Marítima quere expresar o seu agradecemento a todos os relatores e aos cidadáns que asistiron aos dous primeiros talleres temáticos sobre a transformación da fachada portuaria, que se celebraron este martes e mércores, centrados en economía e innovación, e mobilidade e transporte.
A Comisión (integrada polo Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado, ADIF e a Autoridade Portuaria) valora moi positivamente o alto nivel das intervencións e o espírito construtivo e propositivo dos asistentes.
No primeiro taller, de economía e innovación, destacou como eixo central a importancia de potenciar a innovación e a economía azul no deseño dos novos espazos portuarios, con propostas concretas ao redor da pesca, industria, turismo industrial, ou a creación de hubs en ámbitos como a loxística, a sanidade ou a educación.
No segundo encontro, dedicado á mobilidade e o transporte, subliñouse a gran oportunidade que se abre para mellorar as conexións coa área metropolitana e reordenar o tráfico público e privado na cidade, cun consenso na necesidade de habilitar un intercambiador de transporte viario e ferroviario, aproveitando as vías férreas que están en desuso no interior do porto para establecer un transporte ferroviario cos municipios limítrofes.
Os talleres retomaranse a próxima semana cos tres encontros que pecharán o ciclo. Todos eles celebraranse en Palexco a partir das 17 horas, con entrada libre e abertos á participación de todos os asistentes que desexen achegar opinións e suxestións.
O martes 1 de abril estará dedicado a equipamento e usos para os actuais espazos portuarios e ferroviarios.
O mércores 2 de abril centrarase nas actividades portuarias, de forma que saian potenciadas coa futura reordenación dos peiraos.
O xoves 3 de abril concluirán os talleres co dedicado a ecoloxía, medio ambiente, auga e enerxía, vectores transversais que deben caracterizar ás intervencións que se realicen en todo o ámbito.
En cada un deles intervirán como relatores especialistas nas diferentes áreas. Contarase con representantes da Universidade, colexios profesionais, asociacións sociais e empresariais, centros de investigación, empresas portuarias, etcétera.
Ademais, segue aberto na web www.corunamaritima.com un “buzón” de suxestións, que xa recibiu máis de 60 propostas por parte dos cidadáns.
As achegas que se están solicitando nos talleres e na páxina web serán analizadas e ordenadas por temas, para a súa incorporación ás bases do Máster Plan que se convocará nas próximas semanas co obxectivo de deseñar as liñas mestras da futura fachada marítima da Coruña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.