
O Concello dá continuidade á programación cultural no Teatro Colón cunha nova actuación da Banda, que evocará a figura de Richard Strauss co gallo do 200.º aniversario do seu nacemento
A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) inicia esta fin de semana a súa tempada de concertos do Ciclo de Primavera, que arrincará cunha actuación de carácter temático na que a programación estará centrada, moi especificamente, en obras musicais inspiradas nesta estación. A programación da Banda súmase ao amplo abano da oferta musical deseñada polo Goberno de Inés Rey para todos os públicos.
Haberá tempo para gozar con pezas de compositores como o estadounidense Alfred Reed e tamén para evocar figuras como a de Richard Strauss, coincidindo co 200.º aniversario do seu nacemento. Strauss será o gran protagonista da segunda parte do concerto, cando se interpretará o seu valse ‘Voces de primavera’.
A actuación contará, ademais, cunha convidada especial: a soprano galega Patricia Rodríguez, que xa acompañou a Banda no concerto conmemorativo dos cen anos de vida da zarzuela galega ‘A lenda de Montelongo’, realizado a finais do ano pasado no Palacio da Ópera. “Aquela actuación foi un éxito e confiamos en que así volverá ser nesta ocasión, cunha programación diferente e festiva que contará cunha atractiva selección de obras”, indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Neste sentido, o director titular da Banda, Juan Miguel Romero Llopis, convidou a cidadanía a asistir ao concerto deste domingo 30, que terá lugar no Teatro Colón (12.15 horas) nunha sesión que será de acceso libre ata completar a capacidade prevista. “Estamos nun momento doce, vendo unha magnífica resposta da Coruña ás nosas convocatorias, como foi visible na ‘Sinfonietta Flamenca’ da semana pasada no Ágora, e o obxectivo é seguir nesta liña”, apuntou Llopis, que avanzou que a actuación deste domingo no Colón “terá sorpresas que lle gustarán ao público”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.