
Aprobada en Pleno a moción do BNG de Culleredo para solicitar á Xunta de Galiza que deixe en suspenso o proceso de licitación da xestión das instalacións deportivas de Acea de Ama aprobado no Consello da Xunta o pasado 10 de marzo.
O Consello da Xunta ven de aprobar a licitación da xestión do recinto cullerdense por un período de 20 anos cunha previsión de ingresos de 50 millóns de euros durante a duración do contrato.
Non se prevé a dotación dunha nova piscina de dimensións olímpicas, instalación que a natación da nosa comarca necesita.
O Pleno de Culleredo ven de aprobar a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego para solitar á Xunta que deixe en suspenso a licitación da nova concesión do recinto Deportivo de Acea de Ama para a súa explotación por unha empresa privada durante 20 anos, esquecendo de novo que as instalacións deben favorecer e dar servizo á cidadanía.
A moción aprobada insta a que o Concello inicie un proceso negociador coa Xunta de Galiza para a consecución dunha instalación que dote á comarca da Coruña dunha piscina de dimensións olímpicas, permitindo así a celebración de competicións oficiais na nosa comarca e axudando a completar o circuíto de piscinas olímpicas de Galiza. Cómpre lembrar que dita instalación xa foi reclamada polo propio pleno da corporación aprobando apoiar a emenda do BNG aos orzamentos da Xunta de 2024.
Este proceso negociador entre Concello e Xunta tamén debe recoller as accións necesarias para garantir que se contemple unha xestión que prime o acceso da veciñanza fronte ao lucro privado, a accesibilidade nas tarifas mediante exencións e/ou bonificación nas instalacións e horarios para os clubes deportivos locais para potenciar o deporte base en Culleredo e a recuperación dos espazos degradados e a mellora das instalacións existentes.
Despois dunha longuísima concesión preséntase a oportunidade para que a Xunta de Galiza asuma o exercicio físico como servizo á cidadanía e non coma un negocio, dando resposta ás reclamacións de toda unha comarca e aos seus clubes deportivos relacionados coa natación.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.