
Recolle os itinerarios das distintas etapas e ofrece útiles consellos e información para facilitar a experiencia dos peregrinos
O Camiño da Ría de Muros Noia continúa de estreas editoriais. Se o pasado mes de xaneiro presentaba en FITUR o primeiro catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría da Estrela, “Tu camino está en el mar. Peregrinaciones marítimas 2025”, agora é a quenda da primeira guía escrita sobre esta ruta xacobea. O libro, titulado “El Camino de Santiago de la Ría de Muros Noia”, é obra de Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos maiores expertos no Camiño de Santiago.
Se o catálogo presenta diferentes propostas para realizar o camiño marítimo a Santiago pola Ría da Estrela (da man de Sailway, ASNAUGA ou do Monte Real Club de Yates de Baiona), o libro de Pombo centra a súa atención no itinerario por terra. De feito, a guía recolle os itinerarios das distintas etapas desta ruta xacobea e ofrece múltiples consellos e informacións de interese para facilitar e facer máis especial a experiencia dos peregrinos que o percorren.
Neste sentido, compre destacar a especial vinculación de Antón Pombo co Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, como amosa o feito de que a proposta de etapas recollida na web www.caminoriamurosnoia.gal foi elaborada por el, con saída tanto de Muros como de Porto do Son, e que pola súa curta lonxitude e o seu suave perfil configúrase como unha alternativa especialmente recomendada para persoas que non dispoñan de moito tempo pero que desexen realizar un Camiño de Santiago completo. Un trazado recoñecido oficialmente polo Cabildo Catedralicio despois de varios anos de investigación e que percorre os municipios de Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Lousame, Rois, Brión, Ames e Santiago de Compostela.
Presentación en Compostela
A guía “El Camino de Santiago de la Ría de Muros Noia” foi editada pola Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, co apoio do GALP Costa Sostible. Será presentada oficialmente o luns 31 de marzo, ás 12:00 horas, na Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela polo presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia, Santiago Freire; o director da Fundación da Catedral, Daniel Lorenzo; e o propio autor, Antón Pombo. Antes das súas intervencións, os asistentes terán a oportunidade de ver o documental “O Camiño esquecido”, no que investigadores e científicos desgranan os fitos históricos nos que se fundamenta a historicidade do Camiño da Ría de Muros Noia, un documental que ata a data só se proxectara en eventos da Asociación.
Os asistentes á presentación serán obsequiados con cadansúa guía e, proximamente, todas as persoas que desexen un exemplar poderán obtelo gratuitamente a través do sitio web www.caminoriamurosnoia.gal
Antón Pombo
Antón Pombo é xornalista, escritor e historiador. Fundador da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia da Coruña, é Premio Internacional Aymeric Picaud polo seu traballo de investigación e difusión dos valores xacobeos e protagonista do renacer da peregrinación desde os anos oitenta do século pasado a través do asociacionismo xacobeo.
Doutorado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou a súa tese doutoral sobre a igrexa compostelá de finais do século XIX, coincidindo co primeiro rexurdir xacobeo. Unha iniciativa que lle permitiu, ademais de traballar con diferentes arquivos históricos e hemerotecas de toda España, viaxar a Roma no 1992 para afondar nas súas investigacións durante un ano.
Ten percorrido en numerosas ocasións as distintas rutas xacobeas e está considerado como unha das máximas autoridades en España sobre esta temática. De feito, leva case trinta anos publicando guías como esta con Anaya Touring e é o autor que máis exemplares ten vendido sobre o Camiño. Ademais, Pombo percorre todos os anos as distintas etapas dos Camiños para manter actualizadas as súas guías.
A súa vinculación coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia levouno non só a escribir esta guía, senón tamén a participar na presentación da “Volta de Gloria” o pasado mes de xaneiro en FITUR. Non en van, foi o responsable da delimitación deste itinerario turístico, o primeiro que une dous camiños xacobeos, xunto con José Antonio de la Riera e Segundo Saavedra.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.