
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, e a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, mantiveron unha reunión de traballo coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, na que se abordaron cuestións de interese en materia de vivenda e infraestruturas para o municipio. Un dos puntos centrais do encontro foi a análise de posibles vías de colaboración entre o Concello de Ribeira e a Xunta de Galicia para impulsar a construción de vivenda pública en Ribeira, unha medida que permitiría dar resposta á crecente demanda de vivendas asequibles -tanto adquisición como alugueiro- para a veciñanza.
Pérez Barral destacou a importancia de que ambas administracións traballen conxuntamente para facilitar o acceso á vivenda e subliñou o compromiso do goberno local en seguir avanzando nesta liña. “Queremos ofrecer oportunidades de acceso á vivenda digna e a prezos asequibles, polo que consideramos fundamental explorar todas as opcións de colaboración coa Xunta”, manifestou o rexedor. Neste sentido informou de que se está avanzando para que o Concello poida facerse con inmobles que hoxe en día están inactivos para poñelos en uso para a xente.
Ademais da cuestión da vivenda, na reunión tamén se trataron asuntos relacionados coas infraestruturas viarias de titularidade autonómica que afectan ao municipio. O alcalde e a concelleira de Economía e Facenda, trasladáronlle á conselleira a necesidade de reforzar o mantemento e as rozas destas estradas, incidindo na importancia de mellorar a seguridade viaria e garantir unhas vías en bo estado para a cidadanía.
Neste sentido, demandaron actuacións de pavimentación, con especial atención ao tramo da estrada AC-305 entre Padín e As Saíñas. Segundo explicaron, este treito presenta un avanzado estado de deterioro, polo que require unha intervención inmediata para mellorar as súas condicións e evitar posibles riscos para a circulación. “Solicitamos á Xunta que realice estas melloras en materia de conservación e roza das estradas para garantir a seguridade”, concluíron.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.