O obxectivo é aproveitar a participación neste certame profesional, un dos máis importantes do sector a nivel mundial, para establecer novos contacto comerciais
O espazo dedicado a Galicia na 50ª edición da Internationale Tourismus Börse, a ITB de Berlín, está acollendo ao longo desta xornada de feira numerosos encontros comerciais na área dedicada aos profesionais.
Tanto a directora de Turismo de Galicia, Nava Catro, como os máis de trinta empresarios pertencentes ao clúster galego do sector que están a promover a oferta e os servizos turísticos da nosa Comunidade no mercado alemán teñen as súa axendas de hoxe completas.
Así, a responsable de Turismo da Xunta e o nutrido grupo de representantes do sector están a manter no día de hoxe numerosas reunións e encontros con diversos operadores turísticos e axentes de viaxes co fin de establecer novos contactos comerciais.
O obxectivo é aproveitar a participación neste certame profesional, un dos máis importantes da industria turística a nivel mundial, para difundir a oferta turística galega no segundo mercado emisor máis importante para Galicia.
Para iso, Turismo de Galicia ampliou para esta edición a súa presenza nesta nova edición da ITB e apostou por unha participación conxunta, da man do sector, continuando coa súa firme aposta pola colaboración público-privada no desenvolvemento turístico da nosa Comunidade e na promoción de Galicia como destino a nivel tanto nacional como internacional.
Segundo mercado internacional
O pasado ano 2015, o mercado alemán incrementou os seus viaxeiros a Galicia nun 23%, rexistrando máis de 157.000 viaxeiros, e as súas pernoitas nun 22%, sumando preto de 240.000.
Grazas a este crecemento, o mercado alemán representou o pasado ano o 11,6% do total do turismo internacional rexistrado na nosa Comunidade, constituíndo o segundo mercado internacional máis importante para Galicia, so por detrás de Portugal.