Monday 31 de March de 2025

O Concello convoca entidades cidadás e do sector turístico para presentarlles o borrador da Ordenanza fiscal reguladora da recarga municipal sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas


Foron convocadas preto de oitenta entidades a unha reunión que terá lugar o venres, 28 de marzo, ás 9 h no salón de actos do Cersia, para que coñezan de primeira man a proposta desta ordenanza fiscal así como a da constitución dun novo órgano de gobernanza en materia turística. Esta xuntanza súmase á apertura de consulta previa para ambos documentos, que xa están abertas no portal web do Concello.

A concelleira de Turismo, Míriam Louzao, e o concelleiro de Facenda, Manuel César, presentaranlles a representantes de asociacións empresariais, colectivos profesionais, partidos políticos, sindicatos, asociacións culturais e veciñais os borradores dos dous principais documentos en que o Concello está traballando para a aprobación definitiva da Ordenanza fiscal reguladora da recarga municipal sobre o imposto autonómico ás estadías turísticas.

Así, Manuel César será o encargado de explicar a proposta da ordenanza fiscal e Míriam Louzao a proposta de creación dun novo órgano de gobernanza que substituirá ao Consello Municipal de Turismo, ampliando o número de entidades participantes e as súas funcións, de xeito que funcione como un foro estable de diálogo, colaboración e asesoramento da política turística municipal. Cabe lembrar que a aposta por introducir un novo modelo de gobernanza en materia de turismo é unha das principais novidades que o Goberno municipal introduciu na documentación que no seu momento achegou á Xunta de Galicia para a creación deste imposto autonómico.

A xuntanza do vindeiro venres acrecenta as canles de participación que a normativa esixe na tramitación desta norma, como é a apertura dunha consulta pública previa a través do portal web do Concello. En todo caso, ambas consultas públicas, a relativa á ordenanza fiscal e a relativa á creación do novo órgano de gobernanza, están xa abertas no portal web do Concello ata o día 7 de abril.

Deja un comentario