Monday 31 de March de 2025

Máis de 2.000 persoas xa están inscritas na carreira popular de Matogrande-Xuxán, co prazo aberto ata este domingo 30 de marzo


Ambos os barrios xa quentan motores de cara á segunda cita do calendario do circuíto Coruña Corre, que terá lugar o domingo 6 de abril. O percorrido arrincará na contorna do parque infantil de Xuxán

Só queda semana e media para a realización da segunda cita do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que o domingo 6 de abril chegará aos barrios de Matogrande e Xuxán con máis de 2.000 persoas xa inscritas de cara á xornada.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou que o prazo para inscribirse na carreira remata este domingo 30 ás 23.59 horas, e animou a cidadanía a sumarse a esta cita, “que chega á súa novena edición e que dá continuidade á aposta do Goberno de Inés Rey por potenciar a presencia dos barrios na programación deportiva anual da cidade”.

Como xa é habitual, a carreira popular de Matogrande-Xuxán está aberta á participación de persoas de todas as idades, con categorías que van desde a absoluta —cun percorrido ideado para persoas adultas— ata as inferiores, con probas específicas para sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e tamén para nenas e nenos, na categoría de peques.

Neste sentido, as persoas que formalizaron a súa inscrición na totalidade do circuíto —e non unicamente nesta carreira— deberán confirmar a súa participación nesta segunda proba da tempada, un trámite moi sinxelo concibido para lle facilitar á organización os servizos necesarios de cara á carreira. A dita confirmación xa se pode efectuar na páxina web de Coruña Corre.

O percorrido, con saída e meta na contorna do gran parque infantil de Xuxán

Manuel Vázquez avanzou hoxe que, por mor das obras de mellora que está a executar o Concello na rúa Sebastián Martínez Risco, en Matogrande, o percorrido habitual da proba variará lixeiramente con respecto ás edicións doutros anos, onde os arcos de saída e meta se situaban, precisamente, diante do colexio Liceo La Paz.

A este respecto, e por razóns de seguridade para coas persoas participantes na carreira, o percorrido arrincará na contorna do gran parque infantil de Xuxán, punto de partida e tamén a meta tanto para a proba absoluta como as de categorías inferiores e peques.
O mapa dixital para consultar o trazado marcado para cada categoría xa está habilitado na páxina web de Coruña Corre.

Deja un comentario