
As inscricións, gratuíta para escolares e 6 € para persoas adultas, poden realizarse a través de www.emesports.es ata o luns 28 de abril
O Concello de Frades convoca a décima edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar na mañá do mércores 1 de maio. A proba, organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha lonxitude de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. Unha proba incluída no XI Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña.
As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es antes das 23:59 horas do luns 28 de abril. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (é dicir, sub 6, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16 e sub 18) mentres que os demais atletas (sub 20, sub 23, senior e Master 1, 2, 3 e 4) deberán achegar 6 euros.
Premios
O Concello de Frades destina máis de 2.000 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta. A maiores, repartiranse vales de 100, 50 e 30 euros para os clubs que máis participantes acheguen á categoría escolar, vales que poderán cambiar por material deportivo.
Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais aos tres primeiros equipos masculinos e femininos, así como para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, haberá medallas para todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais.
Só se admitirá a participación de clubs federados nos premios en metálico, que terán que presentar o listado dos atletas co selo oficial da Federación Galega de Atletismo ou, no seu defecto, da Delegación correspondente. Na confección do Club non poderán entrar atletas pertencentes a outros clubs nin filiais do mesmo. Ademais, os equipos poderán ser masculinos ou femininos, non mixtos.
Paula Mayobre foi a dominadora absoluta desta proba, pois gañou en cinco das súas seis participacións, antes da súa retirada. Completan o palmarés corredoras de renome como a maratoniana Ester Navarrete, Edymar Daniely Brea, Sandra Mosquera e a actual campioa Uxía Pérez Bugarín. Na proba masculina só Lolo Penas e Nuno Costa foron quen de inscribir o seu nome dúas veces entre os gañadores e ninguén foi quen de gañar dúas probas seguidas. O resto de triunfos foron para Víctor Rioboo, Hassan Lekhili, David Santos, Pablo Bocelo e o actual campión Jorge Puig.
Probas
A X Carreira Pedestre Popular Concello de Frades desenvolverase a partir das 10:00 horas do 1 de maio na contorna da praza pública de Ponte Carreira. A proba principal, con saída ás 11:30 horas, percorrerá 8,6 quilómetros nunha ruta que combina asfalto e terra e que terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira. Os atletas correrán cun Chip que lles será entregado no momento de recoller o dorsal e que deberán entregar unha vez crucen a meta. Os dorsais poderán recollerse na Secretaría da Competición, na praza de Ponte Carreira, ata media hora antes da proba. Haberá servizo de vestiario e de duchas a disposición de todos os atletas no polideportivo municipal.
As probas escolares darán comezo ás 10:00 horas coa categoría Sub 18 e Sub 16, que percorrerán 3 km. Ás 10:30 horas terá lugar a saída dos Sub 14, para percorrer 2 km, seguidos dos Sub 12 e Sub 10 (800 metros), Sub 8 (300 metros ou unha volta á praza).
A X Carreira Pedestre Popular Concello de Frades está organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo. Conta coa colaboración de: Deputación da Coruña, Central de Frades Sociedade Cooperativa Galega, Gofer Frutas Ordes, Froitería A Nova, Finca Restaurante O Cadaval, Amósfera Sport Sportec Ordes, Nutri Sport, Erimsa, Supermercado Claudio María Vázquez Pardo, Pepsico, Camba Distribuciones SL, Centro de Fisioterapia y Rehabilitación Jessica Gómez, Supermercado Tandy, Bar Vilariño, Toribio Viqueira, Imprenta Alpi, Garabato de Xogos, Artio, As Puntadas, Feiraco, Todo Saúde Clínica Integral e Carreiras Galegas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.