
O procedemento afecta ás oito escolas da REIM e está dirixido a nenas e nenos nados entre os anos 2022 e 2025; as solicitudes poderán presentarse ata o 8 de abril
O Concello da Coruña abre este mércores 26 de marzo o prazo para solicitar praza nas Escolas Infantís Municipais (REIM) para o curso 2025-2026. A convocatoria está dirixida a nenas e nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de decembro de 2025, que deberán ter unha idade mínima de tres meses ao inicio do curso. O prazo de presentación estará aberto ata o luns 8 de abril.
As familias poderán indicar ata dous centros da súa preferencia no formulario de solicitude, dispoñible na web municipal: www.coruna.gal/educacion. Esta ficha de preinscrición deberá estar asinada por ambos proxenitores ou titores legais e achegarse xunto coa documentación requirida a través do Rexistro Electrónico do Concello da Coruña (https://sede.coruna.gob.es), do Rexistro Xeral ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
A rede municipal conta con oito escolas situadas en distintos barrios: A Caracola (Novo Mesoiro), Agra do Orzán, Arela (Elviña), Carricanta (O Castrillón), Os Rosales, Luís Seoane (Monte Alto), Monte Alto e Os Cativos (Palavea). Os centros prestan servizo de luns a venres, cun horario de apertura de 07.00 a 17.00 h e atención educativa gratuíta de ata 8 horas diarias.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego Vázquez, destacou que “este novo proceso de admisión reforza o compromiso do Goberno de Inés Rey cunha educación infantil pública, accesible e de calidade, que facilite a conciliación da vida familiar e laboral”.
Este curso ofértanse un total de 358 prazas vacantes, repartidas entre os tres tramos de idade (0-1, 1-2 e 2-3 anos) e distribuídas entre as oito escolas da REIM. Os centros con maior dispoñibilidade son Arela e Carricanta, con 60 prazas cada unha, e Os Rosales, con 63.
O procedemento contempla tres tipos de solicitudes: reserva de praza, traslado e novo ingreso. Dentro destas últimas, diferéncianse as solicitudes de carácter preferente —para irmáns/as de alumnado matriculado, fillos/as de persoal das escolas ou casos de urxencia social— e as ordinarias, que serán baremadas segundo criterios sociofamiliares, laborais e económicos.
Calendario do proceso de admisión:
● Prazo de solicitudes de novo ingreso: do 26 de marzo ao 8 de abril.
● Publicación de listaxes incompletas ou excluidas: 5 de maio.
● Subsanación de documentación: do 6 ao 19 de maio.
● Listaxes provisionais de admitidos/as e listaxes de agarda: 2 de xuño.
● Prazo de alegacións: do 3 ao 16 de xuño.
● Listaxes definitivas: 23 de xuño.
● Formalización da matrícula: do 25 ao 30 de xuño.
● Início do curso: 5 de setembro.
A atención educativa é gratuíta e as escolas tamén ofrecen comedor, actividades complementarias e un período de adaptación progresiva para as crianzas que se incorporan por primeira vez. Foi o Goberno de Inés Rey o primeiro en facer gratuita a rede de escolas infantís, que desde o 2021 non teñen custe as familias.
Toda a información sobre o proceso pode consultarse na web municipal:
www.coruna.gal/educacion.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.