Monday 31 de March de 2025

PP e PSOE néganse a defender os intereses de Cabanas e deixan á veciñanza sen unha verdadeira transición xusta


A proposta do BNG buscaba que o Concello instase á Xunta a investir estes fondos nas zonas directamente afectadas

A moción foi bloqueada co voto en contra do PP e a abstención do PSOE, nun posicionamento “incomprensíbel e indefendíbel”

No pleno extraordinario de Cabanas celebrado o pasado luns 24 incluíuse unha proposta do BNG para que o Concello reclamase á Xunta de Galiza que corrixise os criterios de distribución dos Fondos de Transición Xusta (FTX). “Os FTX teñen como obxectivo a reactivación económica das zonas afectadas polo peche de centrais como a das Pontes”, indica Xosé Manuel Golpe, deputado cabanés no Parlamento de Galiza. “A recepción destes fondos debe priorizarse dentro destas zonas, entre elas Cabanas”. Desde a formación frontista afirman que a Xunta non está tendo en conta este principio. “A Xunta decidiu que os fondos se repartan por toda a provincia da Coruña, diluíndo o efecto dos mesmos e deixando ademais fóra aos concellos lucenses de Muras, Vilalba e Xermade, directamente afectados”, incide Golpe.

A iniciativa do BNG incluía, ademais, a paralización das convocatorias de axuda para levar a cabo unha modificación das súas bases, de forma que discrimine positivamente os concellos da zona de transición xusta das Pontes. Tamén solicitaba, nun segundo punto, que, de ser preciso, o Concello de Cabanas acudise á xustiza para defender os seus dereitos “tal e como está a facer o concello de Muras, gobernado polo BNG”, indicou o voceiro municipal do BNG en Cabanas, Iago Varela.

Nin populares nin socialistas apoiaron a proposta. “Desde o PP argumentaron que a normativa di que se ten que aplicar no ámbito provincial, cando o que di é que será por provincias ou partes delas, mentres que desde o PSOE dixeron que estaban de acordo pero que había que poñelos xa en marcha, o cal resúltanos francamente incomprensíbel, porque non se pode corrixir unha eiva coma esta co prazo de presentación de solicitudes aberto”, explicou Varela. “Chama a atención ademais que este posicionamento do grupo municipal do PSOE de Cabanas colide directamente coa recente votación dunha moción semellante no Parlamento Galego, onde o grupo socialista si apoiou a iniciativa do BNG”, concluíu.

Deja un comentario